O BNG pide á Fiscalía que investigue a venda de Novagalicia Banco
A formación frontista entende que existen indicios de posible malversación e xestión "neglixente" e confía en que a denuncia prospere.
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentou unha denuncia ante a Fiscalía Superior de Galicia na que pide que se investigue o proceso de venda de Novagalicia Banco ao entender que existen "indicios" de posibles delitos penais por presunta malversación e unha xestión "neglixente".
En declaracións aos xornalistas, Pontón asegurou que, para o BNG, existen "probas sólidas" para que se admita a denuncia. "Se non hai interferencias por parte do Goberno, o lóxico é que as cousas se investiguen", argumentou sobre a súa confianza en que a denuncia prospere.
Ademais, sinalou que se o PP e o presidente da Xunta "non tivesen nada que ocultar, serían os primeiros interesados en que se investigase", sentenciou ao cuestionar o papel do Executivo galego no proceso de venda de Novagalicia Banco.
Del, dixo que foi "fradulento" e que, ademais da "perda" das caixas de aforro galegas, levouse a cabo "sen transparencia e modificando as regras". En concreto, cuestionou como se realizou a venda e o papel do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB).
"Admitiuse unha poxa aínda vendo que as ofertas eran moi baixas", engadiu. Tamén argumentou que "anticipando a venda foise contra o interese xeral" dos galegos. Na mesma liña, sentenciou que "se perderon máis de 9.000 millóns de euros de recursos públicos" e, por iso, pediu que se investigue "a fondo".
"COMPLICIDADE" DE FEIJÓO
Xunto a esta denuncia, sinalou que o BNG manterá as súas iniciativas no ámbito político. Así, defendeu que "hai que investigar a venda" no Parlamento de Galicia, mentres cuestionou o posicionamento do PPdeG e de Feijóo a este respecto xa que o considera "cómplice" dun proceso de venda no que, ao seu xuízo, hai responsabilidades "penais", pero tamén "políticas".
Por outra banda, Pontón considerou que as caixas galegas "regaláronse" a Banesco e, por este motivo, cuestionou "a pouca humildade" do vicepresidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, tras as manifestacións nas que asegurou que recibiu un banco "escarallado". "O que recibiu foi un banco regalado".
Ao acto de entrega da denuncia acudiron tamén outros membros do BNG que exhibiron, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), pancartas co lema 'Galiza ten dereito a saber'.
POSTURA DA XUNTA
Despois de que o Bloque rexistrase a denuncia e ao ser preguntado polos medios respecto diso, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, considerou que será a "Xustiza" a que terá que decidir sobre "algo que decide xudicializar o BNG".
"Desde o punto de vista político xa se deron argumentos e foi un tema debatido suficientemente, mesmo xa se deron nunha comisión no parlamento", lembrou Rueda en referencia á comisión de investigación das caixas que agora retoma os seus traballos na Cámara galega.
"Se deciden agora xudicializar este tema pois é a súa decisión e a Xustiza terase que pronunciar", insistiu para lembrar que a Xunta "no seu momento" dixo o que lle "parecía todo aquilo" e mesmo "as responsabilidades" que pensaba que "tiñan algunhas persoas que agora se empeza a ver que é verdade".
Escribe o teu comentario