Escotet, sobre Abanca: "Era un banco escarallado e agora pode correr a maratón"
A entidade obtivo en 2016 un beneficio neto de 333,6 millóns de euros, o que representa un incremento do 1,1% respecto ao ano anterior.
O vicepresidente de Abanca, Juan Carlos Escotet, destacou que a entidade coa que se fixo en poxa en 2013 "era un banco escarallado". "Era un paciente en terapia intensiva e agora está en condicións de correr a maratón de Nova York", aseverou.
Así se pronunciou Escotet, en rolda de prensa, nunha longa resposta á pregunta de se considera que o prezo que pagou por Novagalicia Banco --resultado da privatización das caixas de aforro galegas fusionadas-- foi moi barato. O valor foi de 1.003 millóns de euros.
Respecto de que socialmente se cuestione este prezo, o banqueiro destacou que lle "preocupa moitísimo que se tratou de facer populismo" cun proceso de privatización que, subliñou, "foi tecnicamente manexado e se gañou en enfrontamento limpo".
Neste sentido, chamou a atención sobre que os resultados --con ganancias durante os tres anos de xestión do novo equipo-- "non son maxia", e atribuíunos a un "gran equipo de profesionais" no que considera "un caso de éxito" do que sentirse "orgullosos".
BENEFICIOS
Abanca obtivo en 2016 un beneficio neto de 333,6 millóns de euros, o que representa un incremento do 1,1% respecto ao ano anterior, segundo informou este mércores a entidade financeira, que presenta en rolda de prensa os resultados do pasado exercicio.
O resultado antes de impostos alcanzou os 358,8 millóns de euros, un 3% máis que en 2015. Esta cifra, segundo destaca o banco, permite elevar a rendibilidade ata o 9,7%. Ademais, a marxe comercial recorrente avanza un 12% e os ingresos por prestación de servizos aumentan un 5,9%.
A morosidade en Abanca redúcese un 20% e sitúase no 6,8%, cunha cobertura dos activos problemáticos do 54%. Con 13.000 millóns de volume financiado, en 2016 concedéronse 3.000 millóns en circulante a empresas e autónomos, un 27% máis que no ano anterior.
O foco en seguros e produtos de valor engadido, segundo resalta, reflíctese nun crecemento do 33% en vendas de seguros e do 12% en volume de fondos, plans e seguros de aforro. Ademais, cun 14,7% de 'CET1', a entidade reivindica que se mantén entre as máis solventes do sector financeiro español.
EVOLUCIÓN
O grupo venezolano Banesco, liderado por Juan Carlos Escotet, fíxose con Novagalicia Banco --resultado da fusión das antigas caixas de aforro galegas e a súa posterior privatización-- por 1.003 millóns nunha poxa que se resolveu en decembro de 2013.
En 2014, xa como Abanca, a entidade gañou 601 millóns de euros antes de impostos, aínda que o resultado elevouse ata 1.157 millóns pola activación de créditos fiscais. O ano seguinte, en 2015, obtivo un beneficio de 330 millóns.
En abril do ano pasado, o consello de administración do banco acordou a súa primeira repartición de dividendos entre os seus accionistas (Escotet posúe máis do 80% das accións) por un total de 315,5 millóns de euros, cifra practicamente idéntica aos 315,4 millóns en concepto de dividendo a conta aprobados o pasado febreiro.
Precisamente este venres, a cabeceira do grupo Abanca informou de que abonará ao FROB (fondo de reestruturación ordenada bancaria) de maneira anticipada os 300 millóns de euros correspondentes ao último prazo dos pagos establecidos no contrato de compravenda da entidade financeira.
Escribe o teu comentario