Mobilizacións en toda Galicia "por uns salarios e emprego dignos"
O PSdeG súmase ás convocatorias de UGT e CCOO para protestar contra o encarecemento dos "servizos básicos esenciais".
Os sindicatos UGT e CC.OO. chaman a mobilizarse este domingo, día 19 de febreiro, en varias localidades galegas para reivindicar "uns salarios e emprego dignos".
En concreto, ás 12,00 horas está prevista unha manifestación que partirá da Alameda compostelá. Á mesma hora están fixadas concentracións na Coruña (diante da Delegación do Goberno), Ferrol (xunto ao edificio da Xunta), Lugo (Subdelegación do Goberno), Ourense (Subdelegación do Goberno) e Pontevedra (Subdelegación do Goberno), mentres que a de Vigo é media hora antes xunto ao Marco.
CC.OO. e UGT subliñan que nos últimos anos a cidadanía "tivo que afrontar a perda progresiva de poder adquisitivo dos salarios, das pensións e das rendas de protección", o que xera, segundo sosteñen, "un crecemento sostido da desigualdade".
"Isto é consecuencia do forte aumento do desemprego e da xeneralización da precariedade laboral, así como da subida dos prezos das subministracións básicas, electricidade, gas e auga".
Por iso, consideran que "os gobernos non poden mirar para outro lado e as organizacións patronais tampouco". "Son culpables do que pasa, da subida incontrolada dos prezos, da perda de poder de compra dos salarios, das pensións e das rendas de protección", segundo destacan.
Por todo iso, UGT e CC.OO. chaman a cidadanía galega a saír á rúa este domingo "contra o encarecemento da vida, especialmente contra a subida dos servizos básicos esenciais".
O PSdeG PARTICIPA
Como informou o PSdeG a través dun comunicado, os seus cargos institucionais e orgánicos colaborarán na visibilización dun "problema de crecemento desigual e inxusto".
Na concentración de Santiago estará a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, para criticar "a inacción do goberno" e "unha lexislación laboral que xera unha situación dramática para moitos desempregados e traballadores pobres".
Apelou á cidadanía para sumarse a esta cita a modo de protesta polo "encarecemento da vida" e a "subida alarmante", por exemplo, do prezo da luz, mentres se producen "recortes" en servizos públicos e a dereita fomenta "unha desigualdade cada vez maior".
Escribe o teu comentario