Prisión provisional sen fianza para o septuaxenario que acoitelou á súa muller na Coruña
O home, detido o domingo, confesou aos axentes que a súa muller e el discutiran porque ela tiña intención de poñer fin á súa relación.
O home de 77 anos detido o domingo na Coruña, tras confesar que apuñalou á súa muller, ingresou en prisión, segundo informaron a Europa Press fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG).
En concreto, tras pasar a disposición xudicial, acordouse para el prisión provisional comunicada e sen fianza, ademais da prohibición de manter calquera tipo de comunicación coa vítima.
Á vivenda, no barrio coruñés do Castrillón, desprazouse o domingo unha patrulla da Policía Local. Á súa chegada, atopáronse na escaleira a unha muller de 73 anos, tendida no chan totalmente ensanguentada e con feridas de arma branca.
Na vivenda localizaron ao marido. Este explicoulles que ambos mantiveran unha discusión porque ela lle comunicara a súa intención de poñer fin á relación matrimonial e que, posteriormente, el agrediuna.
Escribe o teu comentario