O PSdeG cre que o AVE a Galicia "máis que ao 2019, irá ao 2022"

Rexeita que o Goberno atribúa o atraso ao ano en funcións, pois nese período prorrogou 50 anos a concesión de ENCE | Cancela pide a Ferraz que covoque canto antes o proceso de primarias en Galicia.


|

Carmelasilvarociodefrutospsdeg


A presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, reclamou este luns ao ministro de Fomento, Íñigo da Serna, que poña fin á "absoluta opacidade" e ofreza "explicacións detalladas" sobre os "prazos e orzamentos" das obras do AVE a Galicia.


Así o sinalou este luns en Ourense durante unha rolda de prensa na que mostrou "serias dúbidas" de que se cumpran as previsións do Goberno para a chegada do AVE en 2019, tal e como anunciaron a finais de xaneiro o ministro e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, tras unha reunión bilateral.


A este respecto, Cancela criticou unha vez máis que algúns dos tramos pendentes de construción "non se inclúen" na planificación presentada por Fomento, polo que considera que a obra "máis que ao ano 2019, irase ao 2022".


Neste escenario, en compañía da deputada do PSOE no Congreso por Ourense, Rocío de Frutos e do portavoz socialista no Concello de Ourense, José Ángel Vázquez Barquero, pediu datos "concretos". "Se hai un compromiso real, que problema hai para explicar eses tramos ou como será a intermodalidade?", preguntou.


INFORMACIÓN SOBRE AS PARTIDAS ECONÓMICAS


En especial, reclamou información sobre as "partidas económicas" destinadas a estas obras e lembrou ao Goberno que na etapa do PSOE "había 600 millóns de euros máis para Galicia".


A este respecto, a tamén presidenta da xestora do PSdeG pediu "explicacións" sobre os motivos polos que as partidas do AVE galego "minoraron de forma tan alarmante" e defendeu que os próximos orzamentos recuperen "este investimento".


Ademais, reprobou que o Goberno "acuse" dos atrasos no AVE galego á oposición ou ao ano en funcións, tendo en conta que --lembrou-- nese mesmo período o Executivo aprobou prorrogar 50 anos máis a concesión de ENCE na súa actual localización en Pontevedra.


CARMELA SILVA


Ademais, a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, lembrou este luns que será a militancia socialista a que elixa ao seu novo líder unha vez se convoquen as primarias e o congreso, algo que espera que ocorra "o máis pronto posible".


A partir de aí, deu a "benvida" a "calquera compañeiro que considere que pode liderar un proxecto" e lograr o respaldo "maioritario" dos afiliados.


Preguntada en rolda de prensa en Ourense sobre as palabras do alcalde de Vigo, Abel Caballero, nas que sinalou á presidenta da Deputación de Pontevedra como unha opción de futuro, Cancela resolveu que Carmela Silva sería "unha excelente candidata ao que quixese".


Foi a súa resposta a pesar dos ataques que recibiu nos últimos tempos da viguesa, quen non só lle pediu en reiteradas ocasións a súa dimisión polos malos resultados electorais, senón que chegou a referirse a ela como "unha directora xeral do PP infiltrada", en referencia ao pasado de Cancela no goberno con Manuel Fraga.


E, en canto á urxencia con que Caballero defendeu --nunha entrevista concedida á Cadea SER-- a construción dunha dirección política para o PSdeG, Pilar Cancela asegurou que non hai "ninguén con máis ganas e máis ímpeto" de que "se elixa canto antes" que os membros da actual xestora.


A XESTORA "CUMPRIU"


A continuación, lembrou que a xestora que ela encabeza "cumpriu" cos mandatos que se lle encomendaron tras a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro, en referencia ao proceso de primarias no que se elixiu a Xoaquín Fernández Leiceaga como candidato á Presidencia da Xunta.


"Acto seguido, o que correspondía era convocar un proceso de primarias para elixir unha nova dirección en Galicia. É o que queriamos facer e o que fariamos se non nos retiraran a competencia desde o ámbito federal", defendeu a tamén deputada no Congreso pola Coruña.


E é que, ao seu xuízo, "as xestoras nacen para morrer" e, de feito, "deben morrer canto antes". Así é que considerou "un mal asunto" que se prolonguen no tempo, pois "a esa situación de provisionalidade non se lle pode dar carta de estabilidade".


É por iso que reclamou a Ferraz que convoque "o máis pronto posible" un proceso de primarias para que a militancia galega elixa un "órgano lexítimo" que substitúa á actual xestora. Tamén lembrou que o atraso deste proceso leva "incumprir unha norma" que os socialistas marcaron nos seus estatutos.

relacionada Para Caballero, Leiceaga perdeu a lexitimidade que lle deron as primarias
relacionada Fomento atrasa a chegada do AVE a Galicia ata verán de 2019

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE