O PPdeG celebra o "peso" gañado na dirección estatal
"Nunca tivemos unha representación superior a esta", di Feijóo. Sete galegos teñen a partir de agora asento na cúpula do PP.
A delegación galega no Congreso Nacional. //Foto: @ppdegalicia
Alberto Núñez Feijóo mostrouse satisfeito coa representación do PPdeG nos órganos de dirección estatal. "Nunca tivemos unha representación superior a esta", subliñou este domingo, tras coñecerse o sábado os nomes dos sete galegos que terán asento no Comité Executivo.
A principal novidade foi a presenza do secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, quen se sumou aos seis galegos que chegaron a este congreso con asento no Comité Executivo, e que continúan. Como membros natos seguen o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o secretario xeral de NN.GG., Javier Dorado; a presidenta do Congreso, Ana Pastor; e o portavoz no Senado, José Manuel Barreiro.
Tamén seguen a deputada e ex presidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, amiga persoal de Rajoy; e o eurodeputado Francisco Millán Mon, como membros electos.
Así mesmo, indicou que o presidente do PP de Santiago, Agustín Hernández, mantense na Xunta Directiva nacional, á vez que entra a formar parte dela a presidenta dos populares vigueses, Elena Muñoz. "Non lembro que houbese unha representación tan ampla do Partido Popular de Galicia nos órganos de direccion do PP de España", remarcou.
TÁNDEM COSPEDAL-MAILLO
Preguntado polo tándem Cospedal-Maillo, Feijóo sinalou que este "veu funcionando xa" e que actualmente a secretaria xeral do PP "ten unha responsabilidade de Goberno que antes non tiña", polo que ve "necesario complementar o tempo que lle vai dedicar ao Goberno co tempo que lle pode dedicar ao partido".
"E para iso, o presidente elixiu unha solución que, por outra banda, o partido xa aprobara e é coñecida, que é reforzar a Secretaría Xeral cun coordinador xeral", relatou.
E é que o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, anunciou este sábado que seguirá contando coa actual ministra de Defensa, María Dolores de Cospedal, á fronte da Secretaría Xeral do PP, aínda que o peso diario do partido levarao Fernando Martínez-Maillo, que engade ás súas actuais responsabilidades de Organización e Electoral o cargo de coordinador xeral.
CONTINUACIÓN DE RAJOY
Preguntado por se cre que o presidente do Goberno e do PP continuará máis aló do ano 2020, Feijóo indicou que, despois deste congreso, "o que está claro" é que terán a Rajoy ata o ano 2020. "A partir do ano 2020, esa pregunta faralla a Rajoy e seguro que lle pode dar unha contestación", engadiu, despois de que este sábado o líder dos populares españois fose reelixido presidente do PP cun 95,65 por cento dos votos.
Escribe o teu comentario