Rajoy, reelixido presidente do PP, mantén a Cospedal como secretaria xeral
Nomea a Maíllo como coordinador xeral | Rajoy é tamén reelixido presidente do partido por cuarta vez, co 95,65% dos votos | Miguel Tellado entra no Comité Executivo, do que forman parte un total de sete galegos.
O presidente do Goberno, Mariano Rajoy, anunciou este sábado que a ministra de Defensa, María Dolores de Cospedal, repetirá como secretaria xeral do Partido Popular, aínda que Fernando Martínez Maíllo será coordinador xeneral do partido e responsable de Electoral e Organización.
Ademais, mantén nos seus actuais postos aos outros catro vicesecretarios, Javier Arenas, Javier Maroto, Andrea Levy e Pablo Casado.
REELECCIÓN DE RAJOY
Mariano Rajoy foi reelixido tamén presidente do PP, por cuarta vez, co 95,65 por cento dos votos emitidos no XVIII Congreso do Partido Popular.
A candidatura do dirixente pontevedrés ao Comité Executivo Nacional recibiu o apoio de 2.530 votos dos 2.645 votos válidos que se emitiron. Isto supón o 95,65 por cento. Tamén se rexistraron 115 votos en branco e 14 nulos.
A candidatura da Xunta Directiva Nacional tamén foi proclamada co 95,65 por cento dos votos ao apoiar a lista de Mariano Rajoy un total de 2.529 compromisarios, dos 2.641 que emitiron voto válido. Os votos en branco foron 12 e os nulos, 17.
MIGUEL TELLADO ENTRA NO COMITÉ EXECUTIVO
O dirixente popular Miguel Tellado, secretario xeral do partido en Galicia desde o pasado mes de maio, é a principal novidade entre os afiliados galegos que formarán parte do Comité Executivo que Mariano Rajoy desvelou este sábado e do que forman parte un total de sete galegos.
Tellado súmase así aos seis galegos que chegaron a este congreso con asento no Comité Executivo e que continúan. Como membros natos seguen o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o secretario xeral de NN.GG., Javier Dorado; a presidenta do Congreso, Ana Pastor; e o portavoz no Senado, José Manuel Barreiro.
Tamén seguen a deputada e expresidenta do Parlamento galego, Pilar Rojo, amiga persoal de Rajoy; e o eurodeputado Francisco Millán Mon, como membros electos.
Do congreso de 2012 tamén saíron sete galegos para este órgano, xa que o coruñés José Manuel Romay Beccaría ocupaba entón o cargo de tesoureiro, pero no seu día renunciou á militancia para asumir a Presidencia do Consello de Estado.
Na cita que este fin de semana os populares celebran en Madrid tamén se suman á Xunta Directiva do partido os presidentes locais de Santiago, Agustín Hernández, e Vigo, Elena Muñoz.
Escribe o teu comentario