A Xunta apela a "un pacto ambiental" para frear o cambio climático
Os grupos critican a aposta por Sogama e Matogueira avanza leis contra o abandono animal e para protexer a natureza.
A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, apelou este martes ao "consenso" para pechar entre todos os grupos con representación no Parlamento "un pacto ambiental" encamiñado a protexer os valores naturais de Galicia e a loitar contra o cambio climático nun momento de "concienciación" da cidadanía. Con todo, os grupos da oposición consideraron que esta nova estratexia chega "tarde".
Mato salientou que esta será a lexislatura da aposta por "o verde e o azul", as cores que "definen Galicia". "Queremos converternos nun referente ambiental e sustentable dentro da UE", proclamou, convencida das oportunidades económicas, turísticas e de lecer que se abren coa protección natural.
Algunhas medidas que avanzou en materia ambiental son a posta en funcionamento "no primeiro trimestre" dunha rede galega das seis Reservas da Biosfera, o incremento do territorio incluído na Rede Natura, a conclusión do plan de saneamento das rías (con 131 millóns de euros ata 2020) e a apertura dun observatorio sobre o estado dos ríos.
Ao fío diso, tras anunciar unha actualización da Lei de patrimonio natural e unha norma "ambiciosa" contra os malos tratos e o abandono animal --que a Xunta aprobará "este mes"--, a titular de Medio Ambiente avogou por "potenciar o pacto local da auga" a través dun convenio coa Fegamp e as catro deputacións relativo á colaboración financeira e técnica en materia de depuración e saneamento.
Finalmente, destacou a "eficiencia" de Sogama, anticipou a fusión de Meteogalicia co Laboratorio de Medio Ambiente para crear o Centro Tecnolóxico do Medio Ambiente e ratificou o seu compromiso cun urbanismo "responsable" e coa protección da paisaxe.
CHEGA "TARDE"
Enfronte, os portavoces na materia dos distintos grupos da oposición --BNG, PSdeG e En Marea-- cuestionaron que agora a Xunta decida tomar medidas contra o cambio climático, oito anos despois da chegada de Alberto Núñez Feijóo a San Caetano.
"Chegan máis tarde que o primo de Rajoy", ironizou Antón Sánchez, de En Marea, mentres o nacionalista Luís Bará propuxo que, para loitar contra o cambio climático, se modifique a política enerxética poñendo fin ao "veto" ás renovables.
Pola súa banda, a socialista Patricia Vilán lamentou, do mesmo xeito que o representante do Bloque, a política de "eslóganes" da Xunta, pois "desde 2008" non tivo tempo de redactar o plan de protección do lobo aínda que segue anunciando medidas.
Ademais, do mesmo xeito que o resto de portavoces, censurou o modelo de Sogama, que Antón Sánchez vinculou directamente co "negocio" de Gas Natural Fenosa e Luís Bará considerou "un auténtico sumidoiro de diñeiro público".
Tamén Vilán e Sánchez coincidiron ao criticar os escasos fondos cos que conta a Consellería de Medio Ambiente, ata o punto de que a socialista considerou que o é "de cuarto de ambiente". Finalmente, Bará requiriu que se prohiban as corridas de touros.
Escribe o teu comentario