A futura lei de patrimonio natural contempla multas de ata dous millóns

Calquera autorización para facer transformacións no ámbito dun espazo natural protexido someterase a informe de Medio Ambiente. 


|

Parquenaturalbaixalimiaserraxures

Parque Natural Baixa Limia, Serra do Xurés // turismo.gal


O proxecto inicial da futura Ley de patrimonio natural de Galicia, chamada a actualizar a norma vixente desde 2001, contempla un "cambio substancial" no réxime das sancións, que se elevarán nas tres tipoloxías de infraccións, para "homologar" a lexislación galega á estatal. Ademais, prestará "especial atención" a reparar o dano causado.


"Non se poderá ver se compensa ou non facer isto, haberá que reparar o dano causado", sinalou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, ao termo do Consello da Xunta, que analizou o borrador desta lei, que será sometido a información pública co fin de recibir as achegas dos axentes implicados e de aprobar a norma "co máximo consenso" posible.


En canto ás contías das multas, increméntanse de forma "moi notable", xa que as infraccións "moi graves" penalizaranse con entre 200.000 e 2 millóns de euros (a contía máxima eran 300.000 euros). Para os danos graves, as sancións irán de 3.000 a 200.000 euros (antes o máximo era de 6.000); e o castigo económico para as leves poderá alcanzar os 3.000 euros (fronte aos 600 que se fixaba de tope).


Así mesmo, co fin de evitar atrasos entre a protección dun espazo natural e a aprobación do seu correspondente instrumento de planificación, a norma prevé que ambos os trámites teñan que ser simultáneos, de tal modo que a declaración dun espazo protexido levará aparellada á vez a aprobación do preceptivo plan ou das normas de xestión que se aplicarán nel.


MICRORRESERVAS


Por outra banda, a nova lei regulará tamén as diferentes figuras de protección que conforman o patrimonio natural da comunidade.


Neste sentido, unha das principais novidades en canto á clasificación dos espazos naturais protexidos será a creación da subcategoría de microrreservas; unha figura que buscará preservar e protexer aqueles espazos cunha superficie inferior a 20 hectáreas que conteñan hábitats raros ou de especies ameazadas.


No tocante aos espazos naturais de interese local, o documento amplía o seu ámbito posto que poden comprender espazos integrados en máis dun termo municipal.


Igualmente, permite que a área de influencia socioeconómica dun espazo incluído na Rede Galega de Espazos Protexidos abarque non só o termo municipal no que se sitúe o espazo e a súa zona periférica de protección, senón tamén outros municipios limítrofes.


En consecuencia, recolle a posibilidade de que a Xunta outorgue axudas nestas áreas para o desenvolvemento de actividades tradicionais sustentables.


INFORME DE MEDIO AMBIENTE


Ao tempo, calquera autorización que habilite para realizar transformacións no ámbito territorial dun espazo natural protexido someterase a informe favorable da Consellería de Medio Ambiente desde o inicio do seu procedemento de declaración ou da aprobación do seu instrumento de planificación.


Ademais, engadiu, amplíase o réxime de protección preventiva dos tres anos previstos actualmente aos catro anos.


ATENCIÓN ÁS ESPECIES EN PERIGO DE DESAPARICIÓN


En relación á conservación da biodiversidade, o texto fíxase como reto abordar a protección das especies ameazadas tamén a través da preservación da súa contorna.


Neste sentido, inclúese como novidade a regulación dos hábitat, atendendo ao principio básico de que existe unha relación directa entre a preservación das especies e a dos seus hábitat naturais.


Así, a lei crea o Catálogo de hábitat en perigo de desaparición de Galicia, no que se integrarán tanto aqueles declarados en risco pola Consellería de Medio Ambiente, como os que se atopen na comunidade e xa estean incluídos no catálogo estatal.


Deste xeito, créase a listaxe de especies silvestres en réxime de protección especial de Galicia, que inclúe o Catálogo galego de especies ameazadas, diferenciando entre as que están en perigo de extinción e as vulnerables, co obxectivo de que, de aquí a 2020, 45 especies catalogadas como ameazadas ou vulnerables en Galicia teñan aprobado un plan de recuperación ou de conservación.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE