Unha compañía aérea dedica un avión a Rosalía de Castro
A aeroliña reivindica "o seu dobre papel pioneiro, na recuperación do galego e na emancipación da muller".
A compañía Norwegian presentou este mércores o sexto dos seus avións dedicado a un personaxe da historia e as artes de España, neste caso a escritora e matriarca das letras galegas Rosalía de Castro.
Con ela, segundo informa a compañía, xa son seis as figuras da historia e literatura españolas que adornan os avións de Norwegian. En concreto, trátase dos navegantes Cristóbal Colón e Juan Sebastián Elcano, os autores Miguel de Cervantes e Gloria Fuertes, e a sufraxista Clara Campoamor.
O avión que levará a figura de Rosalía de Castro será un novo Boeing 737-800, de 186 prazas. A montaxe da imaxe da autora galega, que "se xestou durante meses", segundo informa a compañía aérea, levarase a cabo no hangar de Norwegian en Oslo durante o próximo mes de marzo.
A frota de Norwegian -_cunha idade media de 3,6 anos_- é unha das máis novas de España e Europa e componse de 121 avións: 109 Boeing 737-800 para as rutas de curto e medio radio, e doce Boeing 787 Dreamliner, en uso para as rutas de longo radio.
PAPEL PIONEIRO
"A incorporación da figura de Rosalía de Castro á frota de Norwegian quere reivindicar o seu dobre papel pioneiro, na recuperación do galego como lingua de cultura e o seu papel como matriarca das letras galegas por unha banda, e na emancipación da muller polo outro", segundo explicou Miguel Urresti, responsable de Márketing de Norwegian en España.
"En ambos os dous aspectos, Rosalía mostrou a senda que multitude de mulleres e homes seguiron ao longo do últimos século e medio. Esta é, ademais, a nosa achega ao 180 aniversario do nacemento da autora", abundou.
A imaxe da escritora galega, proporcionada pola fundación que leva o seu nome e que colaborou desinteresadamente no asesoramento documental, tamén inspirou a última serie de billetes de 500 pesetas, emitida pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre entre 1982 e 1987, segundo expón a compañía.
Escribe o teu comentario