Cinco conselleiros renuncian ás súas actas de deputados no Parlamento
Os titulares de Facenda, Infraestruturas, Cultura, Sanidade e Medio Rural deixan os seus escanos para centrarse no Executivo.
Os conselleiros de Facenda, Valeriano Martínez; de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez; de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; de Sanidade, Jesús Vázquez; e de Medio Rural, Ángeles Vázquez, deixarán as súas actas de deputados no Parlamento galego para centrarse no seu labor no Goberno da Xunta de Galicia.
Deste xeito, compatibilizarán a acta de parlamentario co labor no Goberno o vicepresidente da Xunta e presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda; a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato; a titular de Mar, Rosa Quintana; o conselleiro de Economía, Francisco Conde; e o titular de Política Social e presidente do PP de Ferrol, José Manuel Rey Varela.
Así o indicou este domingo nun comunicado o Grupo Parlamentario Popular, no que tamén precisou que os cinco conselleiros que renunciaron á súa acta como deputados procederán a asinar a súa dimisión durante a próxima semana co obxectivo de que os novos parlamentarios poidan tomar posesión dos seus escanos no primeiro pleno que se celebre.
En concreto, os novos deputados que tomarán posesión serán Soraya Salorio, do PP de Sada, e Gonzalo Trenor, quen regresa á Cámara galega. Ambos o farán pola provincia da Coruña. Así mesmo, tomarán posesión como parlamentarios pola provincia de Pontevedra Isabel Novo; o exalcalde de Tui Moisés Rodríguez; e o presidente local do PP de Pontevedra, Jacobo Moreira.
A continuación, o Grupo Popular procederá a reordenar as portavocías de áreas e membros de cada comisión.
Rueda, Quintana e Mato, que manteñen as súas acta de deputados, son os únicos membros do Goberno galego que permanecen xunto a Feijóo desde o seu primeiro Executivo, nomeado en abril de 2009. Pola súa banda, o conselleiro de Economía, quen tamén mantén a súa acta de parlamentario, entrou no Goberno galego en lugar de Javier Guerra tras a vitoria do PP en 2012.
Deste xeito, Rey Varela é o conselleiro máis recente que mantén a súa acta de deputado --entrou a formar parte do Goberno galego como conselleiro de Política Social en outubro de 2015--.
O vicepresidente da Xunta e presidente do PP de Pontevedra, Alfonso Rueda, considerou fai algo máis dun mes que os conselleiros "con máis perfil político" eran "os máis adecuados" para manter a acta como deputados do PPdeG no Parlamento de Galicia, aínda que recalcou que esta é a súa "opinión" e que a última palabra a tería o seu xefe de filas, Alberto Núñez Feijóo.
Escribe o teu comentario