Ana Pontón fía a renovación do BNG a sumar "a xente nova"

O Bloque e Galiza Nova reúnense para crear unha estratexia común para a Asemblea Nacional de marzo.


|

Pontongalizanova


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou que a renovación da formación pasa por sumar "toda a rebeldía da xente nova" e que "a mellora do nacionalismo non virá pola deterioración de ninguén senón porque o fagan ben".


A dirixente do Bloque fixo estas declaracións tras unha reunión entre delegacións da nova dirección de Galiza Nova e da Executiva do BNG. Segundo explicou o secretario xeral de Galiza Nova, Alberte Fernández Silva, o encontro foi unha "posta en común" das estratexias comúns das formacións para o ano 2017 e, particularmente, para a XVI Asemblea Nacional do BNG, que terá lugar os días 25 e 26 de marzo.


Pontón expresou o seu desexo de que a xente nova sexa "o motor da nova etapa que inicia o nacionalismo galego" e a súa intención de que os mozos galegos que sentan "estafados por este réxime" se unan ao proxecto político que representa o BNG.


Así mesmo, a portavoz nacional do BNG puxo en valor que desde as eleccións autonómicas se produciu un incremento "moi importante" da afiliación de xente nova na formación nacionalista. Neste sentido, sinalou que "de todas as altas de militantes, un 40% foron de persoas menores de 25 anos".


Fernández Silva expresou que, na súa opinión, os mozos ven o nacionalismo como "unha solución aos seus problemas do día a día e dos do pobo galego". Nesta liña, Pontón sostivo que deben "buscar solucións desde Galicia e para Galicia", porque "a xente nova merece un futuro mellor que o que lle está ofrecendo as políticas do partido popular e o desastre que nos está deixando Alberto Núñez Feijóo".


APOIO Á FOLGA ESTUDANTIL


Por iso, Fernández Silva indicou que "a prioridade de Galiza Nova para este ano será mellorar as condicións de vida da mocidade galega", polo que loitarán contra a emigración e o ensino precario. En relación a isto, reiterou a súa aposta por un ensino público e de calidade e lembrou que apoian a folga estudantil do 16 de febreiro, organizada pola asociación estudantil Erguer!.


Pola súa banda, Pontón informou que o Bloque "seguirá cunha campaña en contra dos recortes e das rebaixas nos dereitos laborais" e criticou que "vendan" que saímos da crise pero sigan cos recortes. "Que nos devolvan o roubado", sentenciou.

relacionada Galicia pode ter "a mesma calidade de vida que Dinamarca ou Finlandia"
relacionada O BNG asegura que Galicia tería "3.500 millóns máis" cun concerto económico

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE