Carlos Mouriño non vai vender o Celta aos chineses
Tras xerar o debate en Vigo, o presidente decide rexeitar a oferta de 100 millóns, pero Caballero insiste: "O estadio non está en venda".
Despois do debate xerado en Vigo ao redor da posible venda do Celta a mans chinesas, o presidente do club decidiu non seguir adiante coa operación. Esta mesma mañá o propio Carlos Mouriño convocou os conselleiros para comunicarlles a súa decisión.
A oferta roldaba os 100 millóns de euros, pero o mandatario celeste prefire non vender. Iso si, as frontes abertas seguen sendo agora a batalla polo estadio e a cidade deportiva como grandes prioridades para o Celta.
E sobre isto ten moito que dicir o alcalde da cidade, que mostrou xa o seu "respecto" á decisión Carlos Mouriño de romper o preacordo, aínda que volveu insistir en que "o estadio non se vende".
En resposta a preguntas dos medios sobre esta decisión, o alcalde sinalou: "igual que respectei a súa decisión cando se propuxo a venda, respecto a súa decisión agora".
Con todo, Abel Caballero volveu insistir en que o estadio municipal de Balaídos "non está en venda", a mesma resposta que, no seu día, deu a Carlos Mouriño cando o presidente celeste expuxo a compra desa infraestrutura (en pleno proceso de remodelación, cun investimento superior aos 30 millóns de euros).
"Sempre demos e sempre daremos facilidades á directiva do Celta. Só poñemos un límite: que se cumpra a lei e as normas. Pero o estadio, nin se pode nin se vai a vender", apostilou.
Escribe o teu comentario