O Celta encaixa en Anoeta a primeira derrota do ano
(1-0). Tras cinco triunfos consecutivos, os de Berizzo non puideron impoñerse nun encontro igualado, pensando máis na Copa.
Non puido pechar o Celta a primeira volta da mellor maneira posible. Levaba cinco triunfos este mes, pero coa cabeza posta xa no partido de Copa, os de Berizzo sucumbiron á Real Sociedade nun choque igualado no que o marcador non se moveu ata pasado o minuto 70.
O adestrador colocou sobre o céspede un equipo con xogadores pouco habituais e no que debutou o recentemente chegado Jozabed, sen demasiado brillo. Tamén a Real Sociedade chegaba nun contexto similar aos celestes, con posibilidades de derrotar o Barcelona na eliminatoria copeira, pero souberon adaptarse mellor á situación.
O Celta entrou peor no encontro e viuse en apertos ante o arreón inicial dos donostiarras, intensos desde a primeira xogada e dominadores. Aínda que o choque se foi equilibrando cedo grazas ao perigo xerado por Sisto e Rossi. Foi un intercambio de golpes e ameazas que durou toda a primeira metade.
Un guión parecido ao do segundo tempo, coa Real tentando dominar e gozando de ocasións, pero cos celestes respondendo tamén con perigo. Ao final, a insistencia deu os seus froitos no 71 e o conxunto txuri urdin adiantouse no marcador.
Saíron do banco Guidetti e Aspas, pero non resultou. Este mércores Balaídos espera a mellor versión do Celta.
Escribe o teu comentario