A Ruta gastronómica da Lamprea recibe o premio Excelencias Gourmet en Fitur
Esta ruta gastronómica comprende 18 municipios galegos situados a beiras do Miño, Ulla e Tambre.
A Ruta da Lamprea promovida por Turismo de Galicia recibiu, no marco da 37 edición da Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur), o premio Excelencias Gourmet que concede anualmente este grupo co obxectivo de fomentar a calidade en diferentes ámbitos, todos eles relacionados co turismo, a gastronomía e a cultura.
Segundo informa a Xunta, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a encargada de recibir este galardón de mans do presidente do Grupo Excelencias, José Carlos de Santiago, a "este produto turístico diferenciador baseado no milenario peixe de gran tradición e arraigamento en Galicia" e que foi posto en marcha o pasado ano.
Esta ruta gastronómica comprende 18 municipios galegos situados a beiras do Miño, Ulla e Tambre, "combinando o compendio de recursos que atesoura cada unha das zonas destes ríos coa visita a lugares de interese natural e cultural da súa contorna", segundo explica a Xunta.
Así, a través da Ruta da Lamprea pódense descubrir os principais recursos naturais, gastronómicos e culturais destes concellos ao redor das labores de pesca e a gastronomía "deste singular pescado".
Escribe o teu comentario