Os Empresarios de Ourense ven "unha grave deslealdade" a candidatura de Arias á CEG
Acusan á Confederación de Empresarios da Coruña de romper "o consenso" entre as entidades das catro provincias.
A Confederación de Empresarios de Ourense cualificou como "unha grave deslealdade" a candidatura de Antón Arias á presidencia da patronal galega impulsada pola Confederación de Empresarios da Coruña, á que acusan de romper "o consenso" entre a entidades das catro provincias de "non presentar un candidato" que non contase co apoio de todas.
Así, a través dun comunicado emitido este venres, a CEO indicou que Arias non contará co seu apoio, unha postura que espera que tamén tomen os seus homólogos de Pontevedra e Lugo "en virtude do acordo adoptado", xa que "ambas aceptaran pactar un adiamento das eleccións" de non atopar un candidato "de consenso".
Deste xeito, cre que a decisión adoptada pola Confederación de Empresarios da Coruña de postular a Arias á presidencia da CEG "rompe o acordo adoptado" nunha reunión celebrada o pasado martes na que representantes das catro patronais provinciais pactaron un documento no que se comprometeron a non presentar "un candidato que non contase co consenso das catro Confederacións provinciais".
"A CEO considera que, fracturada a confianza, as consecuencias desta decisión poden poñer en grave perigo a viabilidade económica da CEG ao proxectar, unha vez máis, unha imaxe de ruptura, xa que as entidades financeiras ás que a CEG está a acudir en busca de axuda para superar as imperioso necesidades económicas, solicitan aos seus dirixentes un escenario de unidade como requisito imprescindible para conceder a axuda financeira solicitada", reza o comunicado dos empresarios ourensáns.
Así, mostrou a súa confianza en que o candidato "reconsidere a súa decisión en aras de poder salvar á organización dunhas consecuencias que poderían ser dramáticas e definitivas na supervivencia da CEG".
Escribe o teu comentario