Viaqua e a asociación de persoas con discapacidade Amicos unen forzas para coidar o planeta
A asociación do Barbanza é un dos grandes referentes en Galicia en atención ás persoas con discapacidade intelectual. Viaqua, pola súa banda, é unha das principais empresas galegas de xestión de servizos de auga.
A asociación do Barbanza é un dos grandes referentes en Galicia en atención ás persoas con discapacidade intelectual. Viaqua, pola súa banda, é unha das principais empresas galegas de xestión de servizos de auga.
Foto de familia de membros de Viaqua e Amicos tras a firma hoxe do acordo
A Fundación Amicos e Viaqua asinaron hoxe un acordo para desenvolver as accións en favor da educación ambiental e os obxectivos de desenvolvemento sostible (ODS) da axenda das Nacións Unidas.
Grazas a este pacto, as persoas con discapacidade intelectual que forman a Ecobrigada de Amicos realizarán accións como a limpeza de ríos, coa colaboración de voluntarios da empresa e da cidadanía en xeral.
Na área de educación e divulgación , organizaranse visitas ás instalacións que controlan o ciclo urbano da auga. Ademais ambas as entidades desenvolverán contidos formativos nos que participarán os usuarios de Amicos para fomentar hábitos de consumo responsable.
Coa firma deste acordo de colaboración, Viaqua dá un paso máis na consecución dos seus compromisos de sustentabilidade, establecendo alianzas e iniciativas con entidades de base para promover a inclusión das persoas con discapacidade no mundo laboral.
Teijeiro: "a saúde do planeta está intimamente ligada á saúde das persoas, polo que avogamos pola igualdade de oportunidades, a accesibilidade e a inclusión".
VALORACIÓN DOS DIRECTIVOS
Despois de asinar, Ana Teijeiro, a xerente de Viaqua, indicou que “estamos convencidos de que a saúde do planeta está intimamente ligada á saúde das persoas, polo que avogamos pola igualdade de oportunidades, a accesibilidade e a inclusión de todas elas. Alianzas como a que acabamos de establecer con Amicos son un motor social, ambiental e económico.”
Xoán España, o director do colectivo familiar baseado en Boiro, agradeceu “o compromiso de Viaqua e as facilidades para implementar este acordo e a aposta por un futuro máis inclusivo e verde acorde coas misións das dúas organizacións, pero sobre todo o compromiso coas persoas con discapacidade como un motor de impacto ambiental e transformación social".
Escribe o teu comentario