Once meses de cárcere para un pontevedrés que quixo "educar" á súa filla disparándolle cunha pistola de xoguete
A pequena, de 9 anos, ferira á súa irmá xogando. O pai, para "corrixir a súa actitude", disparoulle en repetidas ocasións cos proxectís do xoguete, ademais de pegarlle "coa man aberta".
No seu recurso, o pai alegou que non pegara á nena, aínda que admitiu dispararlle coa pistola de xoguete "a distancia" para "corrixir a súa actitude" e sen "intención de lesionala".
Foto: @G24
A Audiencia Provincial de Pontevedra confirmou a sentenza que condena a un pai a once meses de prisión e perda da patria potestade por disparar varias veces cunha pistola de xoguete á súa filla, de 9 anos, para "corrixir a súa actitude", despois de que esta ferise accidentalmente con ela á súa irmá.
O auto considera así "proporcionada" e correcta a sentenza emitida no seu día polo Xulgado do Penal número catro de Pontevedra e desestima o recurso presentado polo pai.
En concreto, considérase probado que o 29 de decembro de 2019, mentres as dúas nenas estaban ao coidado do seu pai, a menor, de 9 anos, feriu accidentalmente á maior, de 10, ao dispararlle un proxectil de goma dunha pistola de xoguete.
Ao decatarse do sucedido, explica o auto, o pai "comezou a pegar" á nena "coa man aberta" e, posteriormente, "disparoulle nas pernas coa pistola de xoguete varias veces a escasa distancia", alcanzándolle en "oito ou nove" ocasiones coas balas de plástico. Como consecuencia, a nena presentaba varios negróns.
No seu recurso, o pai alegou que non pegara á nena, aínda que admitiu dispararlle coa pistola de xoguete "a distancia" para "corrixir a súa actitude" e sen "intención de lesionala".
Con todo, a Audiencia, que desestima o recurso, considera que os feitos quedaron acreditados e afea que o pai incorra nunha contradición cando alega que non pretendía facerlle dano á menor, xa que recoñece que o obxectivo da súa acción era "facerlle ver que podía danar á súa irmá".
Por estes feitos, o home foi condenado a 11 meses de prisión e inhabilitación para ter armas durante dous anos. Do mesmo xeito, tampouco poderá comunicarse durante ou aproximarse durante dous anos á súa filla nin ter a súa patria potestade ou dereitos de visita durante tres anos.
Escribe o teu comentario