Nacido en Ourense en 1967. Estudou Maxisterio por Ciencias,especialista en Música. Licenciado en Ciencias Matemáticas especialidade de Estadística e Investigación Operativa na UNED.Postgrado de Experto Universitario en Modelización de Riscos en Entidades Financieiras.
Escrebo en varios diarios de Galiza, nalgúns co pseudónimo de José Luis Fernández Carnicero.
Mestre de Educación Musical no C.E.I.P. Calvo Sotelo (Carballiño).
Membro da Sociedade cultural: O Liceo de Ourense.
Membro do Consello Escolar de Galiza e do Consello Escolar Municipal de Ourense.
Desde que as computadoras chegaron ás nosas vidas, toca vivir con elas ou morrer na marxinación. Todos os que renegan delas perden a oportunidade de mirar pola xanela do coñecemento, oculta na rede a nivel internacional. O feito de coñecer persoas e culturas diversas, de compartir experiencias e situacións ou descubrir obxectos e documentos privados, que estaban esquecidos en caixóns, armarios ou baúis, fai que o que se gaña é moito máis do que se perde. Pero tamén se perde. E diso imos falar.
Os que usan en exceso a informática, perden o pracer de tocar, manipular e experimentar coas cousas. Aínda coñezo a escritores que imprimen en papel os seus libros para as famosas “galeradas”. Outro exemplo é o de escribir unha carta. Cando temos necesidade de comunicarnos con alguén, de inmediato imos para o computador. Poucas veces son nas que tomamos unha daquelas plumas con tinta, papel e envelope. Xa non falemos de comprar un selo de Clase A, ou de levar a carta á caixa de correos de Correos. Xa sei, vostedes dirán que os tempos non están para esas andrómenas! Teñen toda a razón. Pero, por outra banda, vexo que os alumnos que ocupan moito tempo cos seus xogos virtuais, perden o sentido da realidade. Na súa psicoloxía infantil está moi presente o sentido do tacto. Afastándoos deste sentido, élles complicado expresar a súa afectividade e crean illas nas que viven sós, padecendo un illamento propio do mito da caverna de Platón.
Cando nas escolas desapareceu a especialidade de ciencias, os laboratorios convertéronse en almacéns de antigas reliquias. Aos poucos deixouse a práctica de medir cun calibre ou cun micrómetro. Agora caro cústalles tomar as medidas cunha regra en centímetros! E cada cousa para o seu. Botamos de menos o aroma das aulas nas que o formol tiña a súa presenza. Pero hai máis. A investigación científica, que avanza na experimentación, xunto ao desenvolvemento tecnolóxico, debería ter unha adaptación práctica nas escolas. Temos o exemplo de GALICIENCIA. E o noso currículo, fundamentado nas competencias clave, debería recuperar eses laboratorios aos que o alumnado ía motivado antes de cada clase.
A era virtual é imparable, pero esta sociedade debería aproveitar o mellor dela. Non debemos esquecer nin desprezar as edicións de libros da nosa literatura galega, ou doutros temas propios. Tampouco afastarnos das coleccións dos nosos familiares, que con esforzo e dedicación fixeron para o seu tempo de lecer. Por moitos cambios que haxa, sempre será un erro romper con todo para comezar de cero. A innovación funcionará como unha eclipse da evolución das cousas, infravalorando o que temos.
Miles de xoguetes chegaron este Nadal a moitos fogares. Nun vídeo viral no que os maiores escribiron unha carta aos Reyes vese que pedían cousas inmateriais para os demais. Quizais algunhas nais e pais viron nese vídeo, que a emoción de dar é moito máis grande que de recibir. Que se conformaban con pouca cousa naqueles anos mozos. E que os nenos seguen xogando mellor coas caixas dos xoguetes que co propio xoguete. Non son cousas de nenos. É cuestión de que se poden golpear, romper e tocar nesta nova Era; na que case todo é virtual.
Escribe o teu comentario