​A Mesa pide a Barbón, presidente de Asturias, que deixe de lado a “fobia contra o galego” no debate pola oficialidade

Marcos Maceira, presidente da Mesa, lembra que os tratados internacionais apelan a oficializar o galego, falado en zonas de Asturias, no futuro Estatuto asturiano.


|

Marcos Maceira, presidente da Mesa, lembra que os tratados internacionais apelan a oficializar o galego, falado en zonas de Asturias, no futuro Estatuto asturiano. 


Pola outra banda, desde Axuntar, Asociación prá normalización do galego de Asturias, reiteran que os estudos apoian a oficialidade da lingua en Asturias. 


Arquivo - O presidente asturiano, Adrián Barbón, xunto ao galego Alberto Nuñez Feijó.

Barbón e Núñez Feijóo | Foto: EP


A petición da Real Academia Galega para que o Principado de Asturias considerase ao galego como lingua cooficial e a posterior resposta do presidente do goberno asturiano, Adrián Barbón, espertaron as reaccións dos asturianos galegofalantes e de plataformas en defensa da lingua. É o caso de A Mesa pola Normalización Lingüística, que emitiu un comunicado pedindo Barbón que abandone “a fobia contra o galego” no debate.


"Ningunha lexislación democrática pode empregar subterfugios semánticos para ocultar unha realidade e unha necesidade para as miles de persoas galegofalantes entre o Eo e o Navia", sostén Marcos Maceira, presidente da Mesa.


Na mesma liña, Maceira argumenta que se o Goberno de Asturias tivese “intención de situar o Estatuto de Asturies dentro da democracia” aspectos como "a igualdade e os dereitos humanos aos que obrigan tratados internacionais como a Carta de dereitos civís e democráticos ou a Carta das linguas rexionais e  minorizadas, o galego asturiano tamén será lingua oficial de Asturies tal e como reclamou a Real Academia Galega".


A continuación, desde A Mesa lamentan que usar fórmulas como ‘Eonaviego’ para referirse aos falantes do galego na zona “só procura facer invisible a existencia do galego nas comarcas lindeiras coa Galicia". Ademais, Maceira cuestiona se seica “ser galego é algún tipo de problema ou defecto mal visto socialmente e que convén ocultar".


MIL ANOS DE ESPERA

En idénticos termos parecen dirixirse ao presidente asturiano desde Axuntar, Asociación prá normalización do galego de Asturias, que remitiu unha carta a Barbón expresando a súa postura. Na misiva, a plataforma refire “máis de cen traballos que confirman a galeguidade do fala eoaviega”. Estudos que son “consensos da ciencia lingüística e da tradición dialectológica asturiana”.


Desde o colectivo confían en poder reunirse co dirixente autonómico, ao que piden non caer en “discursos populistas”, para achegarlle as súas propostas. “Temos que manifestar a nosa preocupación porque se poida converter o galego que se fala en Asturias nunha especie de ‘bable do galego’, cun glotónimo sen filiación e que se acabe actuando con esta lingua propia de Asturias do mesmo xeito que pretendían actuar co asturiano aqueles que se fixeron chamar amigos dos bables”, lamentan.


“Sería un grave erro e queremos pensar que nin o Presidente do Principado, nin o partido que o sustenta, nin os demais partidos que teñen na súa man a reforma do estatuto queiran que forme parte da historia de Asturias e da súa hemeroteca persoal un despropósito cultural tan grande”, incide o seu presidente, Moisés Cima Fernández, á vez que desde Axuntar lembran os “mil anos” que leva a lingua “esperando a ser atendida” e logras “un trato igualitario dos nosos idiomas”.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE