Galicia baixa por primeira vez do milleiro de incendios en 2021 con 4.371 hectáreas arrasadas polo lume
Os datos dados a concoer por Medio Rural reafirman a "tendencia clara" de descenso dos lumes na comunidade desde 2018.
Con todo, José González, titular da consellería, insiste en que, a pesar dos bos datos, non se debe "caer en ningún triunfalismo".
Incendios | Foto: EP
A superficie queimada en Galicia descendeu a 4.371 hectáreas en 2021, nun ano no que se rexistraron 954 lumes, o que supón o primeiro exercicio que queda por baixo do milleiro de incendios.
Destes datos provisionais de 2021 informou este xoves o conselleiro de Medio Rural, José González, quen valorou con "certo optimismo de fronte ao futuro" estas cifras, aínda que avoga por non "caer en ningún tipo de triunfalismo". Así, identifica unha "tendencia clara" na diminución de lumes desde 2018.
Na súa intervención no pleno do Parlamento, o conselleiro tamén destacou que a nova lei de prevención de incendios entrará na Cámara en 2022, que incluirá novidades como unha profesionalización das brigadas municipais, cunha contratación "mínima" por seis meses. Apela á oposición para chegar a acordo para este texto cun "pacto da comunidade".
Escribe o teu comentario