​Paciente ou cliente

Fernando Abraldes

- Presidente da Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS

- Licenciado en ciencias Económicas pola USC.

- Interventor e tesoureiro da Administración Local desde 1989.


A implementación das novas tecnoloxías e a robótica na entrevista médica será o novo impulsor desta visión despersonalizada e deshumanizada que, se non a impedimos, converterá definitivamente ao paciente nun obxecto


 

Non hai moito tempo, un leve incidente nunha consulta externa do CHUS, cualificado polo facultativo como insólito, fíxome reflexionar, máis alá do caso concreto, sobre a relación médico-paciente no ámbito da sanidade pública e veu ao meu recordo esta afirmación de Michel Foucault no seu libo A verdade e as formas xurídicas: “…o simple feito de que alguén sexa sinalado como enfermo, o simple feito de que se trate xa indica, entre el e o seu médico, ou entre el e os que o rodean, ou entre el e a sociedade que o designa como enfermo, unha relación de poder. Isto é, precisamente, o que debe ser eliminado.”


A relación interpersoal médico-paciente (RMP) aínda hoxe segue tendo ese carácter de poder, marcada por unha forte asimetría entre o facultativo, posuidor da capacidade de sandar, e o paciente, vulnerable, que reclama axuda desprovisto de capacidade para decidir. Prevalece unha visión obxectiva, onde o médico, atendendo a criterios de eficiencia impostos por principios políticos e económicos alleos á propia relación, analiza o paciente desde unha perspectiva meramente cuantitativa de síntomas e signos, obviando vivencias non cuantificables que afectan ás emocións e sentimentos asociados á enfermidade. Esta visión produce no paciente un efecto de desconfianza, xera unha crise de liderado do médico e reduce a eficacia no diagnóstico e tratamento. Arthur Frank, na súa obra O narrador ferido, xa alertaba que na modernidade, na que aínda estamos instalados, as tradicións e prácticas culturais son substituídas pola técnica e os coñecemento científicos.


O diagnóstico baseado nas evidencias ten como finalidade aumentar a eficiencia no mundo da sanidade, facilitando diagnósticos rápidos en función dos síntomas cuantificables. A xestión clínica, propugnada desde o poder e inspirada en principios do liberalismo económico, afonda aínda mais nesta visión ao implicar ao persoal sanitario no uso eficiente dos recursos e medios dispoñibles, poñendo na mesma balanza necesidades de atención e recursos limitados. Nesta confrontación entre medios e necesidades, os pacientes sempre saímos perdendo. Séneca xa alertaba deste perigo despersonalizado o obxectivo da relación cando nun texto afirmaba que “Así, ao médico que non pasa de tocarme a man e me pon entre aqueles a quen apresuradamente visita, prescribíndolles sen o menor afecto o que deben facer e o que deben evitar, nada máis lle debo, porque non ve en min o amigo, senón o cliente…”


Para o paciente, enfermar non só é padecer síntomas invalidantes, senón que tamén é someterse a novas pautas de vida, depender doutros que deciden sobre os seus hábitos asociados á doenza e limitar a súa esfera laboral e social. Implica, en definitiva, convivir cunha visión limitada dun mesmo, despoxado da autoridade para facerlle fronte autonomamente á súa situación. Se o facultativo posúe o coñecemento científico, o paciente é experto en síntomas e vivencias e por iso debe ser escoitado e visto en toda a súa dimensión para poder distinguir a dor do sufrimento.


Os principios do liberalismo económico levados ao mundo da sanidade pública obrigan a médicos e pacientes a transitar por un camiño onde priman os resultados estatísticos e a redución dos custos fronte á atención e á curación de calidade, no momento preciso e onde o tempo persoal dedicado ao paciente é, en palabras usadas pola multinacional estadounidense Medtronic S.A., un “desperdicio asistencial”. A implantación das novas tecnoloxías e a robótica na entrevista médica será o novo propulsor desta visión despersonalizada e deshumanizada que, se non o impedimos, converterá definitivamente o paciente nun obxecto que terá como finalidade formar parte do balance de sumas e saldos e da conta de resultados do sistema público de saúde.



Consultamedico


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE