Multa de 600 euros por pedir ser atendido en galego durante un cribado en Rianxo, denuncia A Mesa

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a Delegación do Goberno multou a un cidadán por, presuntamente, reclamar atención en galego.


|

A Mesa pola Normalización Lingüística denuncia que a Delegación do Goberno multou a un cidadán por, presuntamente, reclamar atención en galego.


Os feitos ocorreron presuntamente durante un cribado para detectar casos de Covid-19 en abril na localidade barbancesa de Rianxo.


Arquivo - Un cribado para detectar casos de Covid na área sanitaria de Santiago e Barbanza.

Cribado na área de Santiago-Barbanza | Foto: EP


A plataforma A Mesa pola Normalización Lingüística fixo pública hoxe a sanción á que foi proposto un cidadán por, aparentemente, reclamar ser atendido en galego durante un cribado celebrado en Rianxo. Desde A Mesa denuncian á Delegación do Goberno de España en Galicia por propoñer unha sanción de 600 euros despois de que o sancionado recibise "unha negativa rotunda a ser atendido na nosa lingua" ademais de que, ao parecer por estes feitos, "chegóuselle a negar a realización do cribado".


"Ante a súa indignación, interveu a Policía Local, que non só non lle recoñeceu o seu lexítimo dereito a ser atendido en galego, senón que -segundo consta no mesmo informe policial- instouno a cambiar de lingua e empregar o castelán", sinalan no comunicado da Mesa, á vez que remiten ao auto policial no que os axentes estiveron “a tentar explicar a esta persoa que ambas as linguas son cooficiais na Comunidade Autónoma”.


Este episodio ocorreu o pasado mes de abril, pero non pasou inadvertido para a plataforma que lembra que "é deber do funcionariado coñecer a lingua propia de Galicia e que a policía debe garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía e non coaccionala para que deixe de usar o galego".


Para Marcos Maceira, presidente da organización, este suceso demostra "que ante unha vulneración dos dereitos lingüísticos que afecta tamén ao dereito á saúde e á dignidade dun cidadán, as forzas de seguridade vulneran toda a lexislación que ampara o lexítimo dereito da cidadanía galega a empregar a nosa lingua, tentando coaccionar a un cidadán para que renuncie a facelo".


"MENTIR E DESINFORMAR"

"Non satisfeitos con mentir e desinformar sobre os dereitos lingüísticos, os policías denunciaron a vítima por suposta alteración da seguridade e a Delegación profunda na indefensión dos nosos dereitos lingüísticos, propoñendo unha sanción cualificada como grave cunha multa de 600 euros", lamentan desde A Mesa, á vez que reprocha á Delegación que avalase o informe dos axentes "deslexitimando as declaracións de testemuñas presentes no lugar por ser veciñas da vítima". "Como todas as citadas para o cribado", apuntan desde a entidade.


A Mesa critica a "falta de neutralidade e de imparcialidade por parte da instrutora do procedemento, nomeada pola Delegación do Goberno español en Galicia" ao negar un dereito recolleito na Lei do Estatuto Básico do Empregado Público. "Estamos ante un caso de discriminación por motivo de lingua, o que é unha falta moi grave e pode levar consigo a inhabilitación para a función pública", subliñan.


Con todo, a nova Lei de Emprego Público da Xunta contempla que se poderá elixir para as listas a médicos, enfermeiros e auxiliares aínda que non teñan un certificado acreditativo de coñecemento de lingua galega no caso de que non haxa candidatos con este requisito.

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE