O rei prófugo e os déficits democráticos

Manoel Barbeitos
Economista

Nos últimos meses son frecuentes as noticias que apuntan a que o monarca prófugo, Juan Carlos, quere volver a España. De confirmarse a súa volta cabe preguntarse se o emérito será xulgado pola xustiza española, dados os numerosos casos de corrupción nos que aparece envolto. Casos que parecen incontables, pois cada día que pasa aparece un novo de orixe e natureza distinto aos anteriores.


Non se se todos os políticos que aprobaron no seu día (31 de outubro de 1978) o texto da Constitución Española eran conscientes nese momento da porta que abrían ás prácticas de corrupción por determinados membros do aparello do estado, como por caso a Coroa. Lembremos que aínda que o texto establece que "os españois son iguais ante a lei" (Artigo 14) tamén recolle que "a persoa do Rey é invioláble e non está suxeita a responsabilidades" (Art. 56.3). A Coroa quedaba así colocada nunha posición no que a fiscalizar as súas actuacións resultaría complexo e difícil.


Agora estamos a ver ata onde pode chegar esa falta de control democrático, ata onde o monarca é un gobernante cuxas actividades privadas benefícianse do "silencio oficial", o que lle permitiu, tal e como estamos a ver, acumular mediante turbios negocios unha inmensa fortuna que escapa ao control da facenda pública e escóndese en contas domiciliadas en paraísos fiscais. O emérito habería así cometido impunemente incontables delitos fiscais e de branqueo de capitais con negocios que, en non poucos casos, atentan contra os dereitos humanos como, por caso, a venda de armas a réximes ditatoriais. Negocios dos que, con frecuencia, beneficiábanse grandes empresas españolas: Banco Santander, BBVA, Iberdrola, Endesa, Repsol, ACS, Ence...


Impunidade á que contribuíu tanto as máis altas instancias do poder xudicial como os grandes partidos políticos. Os primeiros cun tratamento penal moi amable, como por caso arquivando os expedientes ou ditando sentenzas absolutorias, os segundos ben co seu silencio ben impedindo que o Congreso investigue a fortuna do emérito. Actitudes para as que se amparan no citado artigo 56.3 da Constitución española que recoñece a inviolabilidade da monarquía e que, parece, facilita que ao día de hoxe aínda non exista unha acusación penal en contra.


Que a máis alta instancia do estado español estea envolta en tales escándalos de corrupción pero que se manteñen impunes é, como ben critican os e as dirixentes de UP, "unha grave anomalía democrática e un descrédito das institucións". Un grande déficit democrático que provoca unha crecente desafección cidadán pola política e as institucións.


Un gran déficit democrático que se deriva de varias realidades xurídicas incompatibles cun réxime democrático. A primeira é a constancia de que en España non TODOS os cidadáns son iguais ante a lei e, o que resulta mais grave, que hai quen está á marxe da mesma. A segunda é que non TODOS os representantes políticos son elixidos democraticamente. A última é a existencia de un poder hereditario que nun réxime democrático NON debe ter cabida. Por estas razóns a monarquía española é unha anomalía histórica froito do tránsito dunha cruel ditadura a unha democracia que foi dirixido e pilotado polas forzas do antigo réxime.


Velaí que chegados a esta situación, cunha monarquía que asfixia a democracia, e apoiados tanto nos argumentos xurídicos e democráticos anteriores como no seu enorme descrédito a reivindicación da celebración dun referendo sobre a forma política do estado español estea máis xustificada que nunca. Referendo que non debe impedir que paralelamente leven adiante as necesarias investigacións parlamentarias e xudiciais


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE