Cervo instalará máis baños públicos para que non se repitan as gravacións a mulleres durante A Maruxaina
O Goberno municipal anuncia que para a edición deste ano instalaranse máis baños públicos, ademais de aumentar o dispositivo de vixilancia na localidade.
"Unha vez que esas gravacións foron coñecidas moita xente indignabámonos", admite Alfonso Villares, rexedor de Cervo.
Protesta polas gravacións de 2019 | Foto: EP
O Concello de Cervo instalará máis baños públicos e aumentará o dispositivo de vixilancia durante as festas da Maruxaina, que se celebrarán o segundo sábado do mes de agosto.
Desta forma dáse resposta a un informe do Valedor do Pobo, que entrou de oficio ante a denuncia de mulleres que foran gravadas cando facían as súas necesidades na rúa, durante a edición da Maruxaina en 2019. Posteriormente, ese material foi subido a páxinas web pornográficas.
O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, recoñeceu que foron "uns acontecementos moi desagradables" que componene "un delito que hai que perseguir". "Unha vez que esas gravacións foron coñecidas moita xente indignabámonos", confesou.
Tras os episodios, denunciados ante os xulgados, a valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, emitiu un informe para instar tanto o concello mariñán como ao resto de organizadores de eventos, tanto públicos como privados, a necesidade de incluír a perspectiva de xénero no deseño de festas e actividades.
"As súas recomendacións van na liña de tentar baños diferenciados para mulleres e nenas e iso xa desde o concello xa o valoramos para buscar a forma de poñer máis servizos e vixilancia", comentou este xoves Villares.
Con todo, o rexedor sinalou que existe unha "dificultade enorme" para combater estes comportamentos na Maruxaina e "no resto de festas populares" polas súas características.
"Este tipo de festas populares, tamén na Maruxaina e en moitas máis en Galicia, son festas onde non hai pago de entradas e non hai, por tanto, control de aforo para un maior control. Son celebracións como a nosa onde todo o pobo é un escenario da festa", afirmou.
Por todo iso, o alcalde cre que "a vixilancia de accións incívicas cando se está de festa vai ser moi complicado desde o momento en que non hai aforos limitados e onde todo o pobo está aberto á festa".
Escribe o teu comentario