As dereitas e a democracia en España e en Galicia

Manoel Barbeitos
Economista

A través de colaboracións con medios de comunicación e opinión galegos expresei a miña gran preocupación polos importantes déficits que aínda esconde a democracia en España e Galicia cando, por caso, xa pasaron case cincuenta anos da morte do máximo responsable dunha das ditaduras máis crueis e sanguinarias do século XX. Un destes déficits é a ausencia dunhas dereitas autenticamente democráticas, firmemente comprometidas coa liberdade, a xustiza e os dereitos humanos. Unha carencia que resulta facilmente verificable se miramos aos estados europeos con maior tradición democrática como, por caso, Francia, Gran Bretaña, Alemaña...


Días atrás fomos testemuñas dunha nova mostra da real natureza do réxime marroquí quen, utilizando como pretexto unha decisión humanitaria do goberno español (permitir a atención médica en territorio español ao líder da Fronte Polisario, e presidente da RASD, vítima da pandemia da COVID-19), provocou un grave conflito internacional no que non só violáronse normas de xustiza e dereito internacionais senón que tamén se inculcaron dereitos humanos. O éxodo ata o territorio español de miles de cidadáns marroquís, entre os que había numerosos nenos e nenas, provocado e facilitado polas autoridades alauitas, foi un acto de auténtica irresponsabilidade política tal que provocaría unha crise humanitaria ademais da diplomática.


Neste contexto crítico, e cando cabía esperar que desen mostra da súa altura de miras, visión de estado e defensa dos dereitos humanos, as dereitas españolas e galegas (PP, Cs, Vox) puxéronse ao lado do goberno marroquí e contra o goberno español tentando así aproveitar a crise diplomática para sacar réditos políticos. Unha táctica que, con todo, quedaría enseguida en evidencia cando as autoridades europeas mostraron unanimemente tanto a súa solidariedade co goberno español como o seu rexeitamento a actuación do goberno marroquí. Un novo ridículo internacional das dereitas españolas e galegas.


Se a estas alturas xa non hai dúbidas de que o procés -a DUI- foi unha auténtica chapuza política, tampouco as hai de que a actuación xudicial foi enormemente desproporcionada, polo que precisa de ser corrixida. Fronte aos despropósitos xudiciais, neste caso por parte do Tribunal Supremo, urxe que actúe a política. Velaí que a manifesta intención do goberno español de conceder un indulto aos políticos cataláns presos apareza como necesaria e oportuna.


Unha conxuntura na que as dereitas españolas e galegas volven mostrar o seu auténtico perfil ao querer aproveitar este enfrontamento do goberno español cun poder xudicial claramente reaccionario para sacar réditos políticos. Non importa, por caso, que os poderes xudiciais europeos manifestasen repetidas veces a súa desconformidade coas sentenzas xudiciais relativas ao procés. Tampouco interesa acudir ás hemerotecas para coñecer cales foron os casos e as circunstancias en que anteriormente se concederon indultos -políticos relacionados cos GAL, militares golpistas do 23-F, militares responsables do accidente do Yak-42, Mosssos d´esquadra condenados por torturas, políticos e empresarios con sentenzas por delitos fiscais...-. O único que lles parece interesar a estas dereitas é aproveitar o enfrontamento executivo/poder xudicial para atacar ao goberno pensando así obter réditos políticos sen que entre nos seus cálculos o dano que con tales condutas políticas fanlle á democracia e a convivencia pacífica entre os pobos de España.


Para finalizar, e con motivo de non ser moi exhaustivo, citar un novo caso que pon en evidencia o déficit democrático que veño sinalando. Non hai moitos días os responsables das autonomías e os concellos que goberna o Partido Popular negáronse a asistir a unha convocatoria do Xefe do goberno español que tiña como obxectivo acordar a repartición de 10.000 millóns de euros de fondos comunitarios para un Plan de Recuperación destinado a loitar contra o despoboamento. Trátase agora de utilizar o poder autonómico e local para seguir na teima de poñer en dificultades ao goberno español esperando sacar réditos políticos pero sen importar os custos sociais e territoriais de tal actitude.


Velaí algúns dos grandes déficits que impiden homologar ao estado español coas democracias mais avanzadas de Europa. Déficits que derivan de non ter unhas dereitas realmente democráticas e con visión de estado como, por caso, teñen os estados europeos citados ao principio.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE