Galicia necesita unha menor tarifa de enerxía porque exporta moita pero en Portugal é máis barata, razoa Laxe
Prevé un incremento do consumo e a especialización das empresas no marco da recuperación económica tras a pandemia
O ex-presidente socialista da Xunta comparte unha das posturas tradicionais do nacionalismo, que o país debe ter unha tarifa enerxética propia, máis barata.
O profesor González Laxe advirte que empresas galegas están a marchar a Portugal porque alí o prezo é máis baixo
O catedrático de Economía Aplicada Fernando González Laxe defendeu que "o prezo da enerxía en Galicia debería ser máis baixo que no resto de España" dado o papel "produtor" desta comunidade e os "custos ambientais negativos" que asumiu "durante moito tempo".
Nunha entrevista concedida a RNE, recollida por Europa Press, defendeu que a Xunta debería "loitar" para "conquerir o establecemento de tarifas (enerxéticas)" diferenciadas en Galicia, o que afirmou que permitiría evitar a deslocalización de empresas a Portugal, onde o custo da subministración é máis baixo. "Deste xeito seriamos máis atractivos para atraer empresas e máis competitivos en bens e servizos que podamos producir", asegurou.
NON BASTA PECHAR TÉRMICAS
O que fose presidente da Xunta entre 1987 e 1990 identificou a transición enerxética como un dos retos de fronte ao futuro para substituír enerxías como o petróleo e o gas pola eólica, a maremotriz ou a biomasa e ante o que Galicia "está ben situada".Con todo, incidiu na necesidade de que a transición enerxética, que "se afronta con lentitude", sexa "xusta". Así, remarcou que "non chega con pechar as centrais das Pontes e Meirama", senón que o proceso debe ir acompañado da posta en marcha dunha actividade alternativa que evite o desprazamento da poboación dado que, ao seu xuízo, a situación demográfica supón outro dos principais retos de Galicia.
Ademais do envellecemento poboacional e a "fuga de cerebros" que afronta Galicia, apuntou que "o segundo gran problema é o tamaño de empresas", respecto a as que lembrou que ao redor da metade carece de asalariados.
SITUACIÓN ECONÓMICA
En todo caso, González Laxe, que dirixe os informes de conxuntura do Foro Económico de Galicia, augurou que o proceso de recuperación económica posterior á covid-19, que lembrou que os estudos de organismos internacionais previron que tería lugar desde o primeiro trimestre deste ano e en maior medida desde o terceiro, supoñerá un incremento do consumo e a especialización das empresas. Así, lembrou que o confinamento e a posterior aplicación das restricións causaron unha crise que afectou á oferta e a demanda.
Con todo, valorou que as solucións económicas adoptadas polos gobernos pasasen por "insuflar masa monetaria en préstamos e axudas para que a economía tirase" fronte ás políticas de austeridade adoptadas tras o comezo da crise de 2008.
PIDE UN ESTATUTO CON MÁIS COMPETENCIAS
De fronte ao futuro, sinalou que unha eventual reforma do Estatuto de Autonomía de Galicia debería contemplar un incremento das competencias que "se reflicta en termos de lealdade institucional", da que, ao seu xuízo, carécese na actualidade. "Hoxe estamos na cultura de inventarnos un relato e sempre o contrario é o inimigo", lamentou o economista.Por outra banda, enmarcou a posición do PSdeG como terceira forza no Parlamento de Galicia como unha situación "conxuntural" e lembrou que en España "normalmente" os partidos de goberno foron o PSOE e o PP.
Escribe o teu comentario