Galicia supera os 200 novos positivos por vez primeira en case dous meses e achégase a risco alto


O SERGAS cualificou de "calma tensa" a situación actual de Galicia propia de certa "estabilidade". Os datos de hoxe sementan dúbidas sobre a precisión desa descrición. 


|

O SERGAS cualificou de "calma tensa" a situación actual de Galicia propia de certa "estabilidade".  Os datos de hoxe sementan dúbidas sobre a precisión desa descrición. 


As medias de positivos seguen debuxando unha pendente ascendente e non sumabamos tantos novos positivos nun día desde o 26 de febreiro.


Aínda que é certo que ese ascenso é máis pausado que noutras ondas e que por agora non hai repunte de hospitalizados ou falecidos, é moi dubidosa esa percepción de calma. As cifras indican que a pandemia leva tempo gañando terreo e, ademais, acelerando, aínda que menos que noutras ocasións.



Galicia suma hoxe 200 positivos novos confirmados por PCR. A autonomía non chegaba á barreira psicolóxica dos 200 desde o 26 de febreiro. É dicir, a cifra de hoxe é a peor en case dous meses.


A incidencia acumulada semanal sobe a 43,2 positivos por cada 100.000 galegos. É a peor cifra desde o 2 de marzo. Este indicador, o principal para o SERGAS, creceu en once do últimos trece días. A súa tendencia é, por tanto, claramente á alza, non de calma.


A incidencia acumulada a 14 días crece de 78,9 a 81,2. Non tiña un nivel tan alto desde o 8 de marzo. Este indicador tampouco está en calma, pois creceu en quince dos últimos 17 días.


A taxa positividade aumenta por terceiro día consecutivo. O 2,8% de onte contribúe a alzar un pouco a media semanal, de 2,4% a 2,5%. Son valores todos eles excelentes, pois calquera cifra menos de 4% sitúa ao país no mellor dos niveis posibles do semáforo de alertas, a nova normalidade. Sexa cal for o problema de Galicia, non é a falta de PCRs.


POSICIÓN DOS INDICADORES NO SEMÁFORO DE ALERTAS

As dúas incidencias acumuladas, as que miden a cantidade de positivos, continúan en risco medio, pero cada día aproxímanse máis ao risco alto que abandonamos en febreiro. A máis importante, a incidencia semanal, está en 43,2, a menos de sete puntos de entrar en risco alto.


De manterse nos próximos días un ascenso como o de hoxe,  a incidencia semanal de Galicia retornará a risco alto en sete ou oito días, antes de que acabe abril:



EVOLUCIÓN DOS CASOS ACTIVOS

A derivada da curva de casos activos é o mellor indicador para estimar que rumbo está a tomar a pandemia. Se está por encima de cero, indica que a pandemia está a crecer. Canto máis se afaste de cero, máis veloz é ese crecemento.


Confiar nos datos dun día resulta enganoso, é mellor analizar a media móbil a sete días, que nos mostra mellor a tendencia xeral. Así, hoxe os casos activos crecen un 2,3%, o que axuda a manter controlada a media semanal, que sobe, pero poquísimo, do 2,3% ao 2,4%.


O feito que a media móbil semanal leve xa catro días case estancada é importante. Indícanos que aínda que a pandemia está a gañar a batalla diaria que se lle libra entre positivos e altas, as vitorias dos positivos xa non son por cada vez máis diferenza. 


Para un optimista, isto implica que dentro de relativamente pouco as vitorias dos positivos sobre as altas serán cada vez máis exiguas e aos poucos a onda perderá fol, confirmando que só estamos ante unha 'olita'. 


Un pesimista argumentaría que nada garante que así sexa -especialmente vendo a evolución de Vigo- pero debería recoñecer que o ascenso da curva actual nada ten que ver coas curvas doutras ondas:



En termos absolutos, todas estas porcentaxes tradúcense en 64 casos activos máis desde onte. Isto eleva o total ata 2.875 casos activos. Non había tantos infectados en Galicia desde o 10 de marzo.


CONCLUSIÓNS

Con todas estas cifras, podemos inferir que:


  • A pandemia está a crecer en Galicia. Moito máis lentamente que noutras ondas, pero crecendo. Non é unha alza puntual, vén desde pouco despois de de Semana Santa e prosegue unha vez superadas as datas nas que se debería notar o efecto da maior mobilidade vacacional.
  • A evolución da derivada de casos activos indica que este crecemento leva un tempo sen acelerar. Isto dá esperanzas de que este estancamento da velocidade vebga seguido dunha freada non moi afastada.
  • O que non ten nada que ver con outros ascensos é a evolución dos hospitalizados e os decesos. Galicia ten 163 hospitalizados en planta, a penas 21 máis que cando esta serie tocou fondo o 7 de abril. 


ÚLTIMOS DATOS POR ÁREAS

Vigo e Pontevedra seguen sendo os distritos cunha peor evolución. Vigo lidera outra xornada máis a clasificación de distritos con máis novos diagnósticos, 77. 





Ferrol, Santiago e Lugo seguen sendo as áreas que mellor están a soportar este repunte. Con todo, Ferrol, que chegou a quedar sen enfermos críticos, volve ter dous pacientes en UCI. Máis datos por municpios e áreas sanitarias nuns minutos en Galiciapress. 


I3OMx  i incidencia acumulada semanal de coronavirus en galicia i  (4)



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE