O insulto

José Luis Fernández Carnicero

Nacido en Ourense en 1967. Estudou Maxisterio por Ciencias,especialista en Música. Licenciado en Ciencias Matemáticas especialidade de Estadística e Investigación Operativa na UNED.Postgrado de Experto Universitario en Modelización de Riscos en Entidades Financieiras.

Escrebo en varios diarios de Galiza, nalgúns co pseudónimo de José Luis Fernández Carnicero.

Mestre de Educación Musical no C.E.I.P. Calvo Sotelo (Carballiño).

Membro da Sociedade cultural: O Liceo de Ourense.

Membro do Consello Escolar de Galiza e do Consello Escolar Municipal de Ourense.

No transitar dos tempos as palabras cambian e as que antes eran descritivas, son agora ofensivas. Non quero poñer exemplos para non empregalas nin na escritura. Esas palabras que ofenden na actualidade comezan a ser de uso normal e acotío escóitanse en persoas supostamente importantes. Todos lembramos ao premio Nobel de Literatura que quixo dignificar as coprolalias que saían da súa boca. Esas mesmas maledicencias tamén teñen relación cos insultos.


Os insultos teñen a súa utilidade cando faltan argumentos para defender as teses propias. Lembro un pésimo discurso dun atrevido que non tiña formación, no que había tantos erros que aquilo era pura fantasía. Ao finalizar dixo que se houbese algo erróneo que se lle dixese ao final da exposición. Moitos empregaron o insulto para dicir que aquilo non tiña nin pés nin cabeza. Outros calamos. Pero penso que nin neses casos, nos que sen capacidade nin horas de estudo, buscan os parabéns gratuítos do público, o insulto está xustificado. A razón é que non aporta nada positivo a ninguén, salvo a ególatra sensación persoal daqueles que pensan en si mesmos.


Fai uns cinco meses escribín un whatsapp a un amigo, para mostrarlle o meu apoio ante os insultos que recibía nas redes sociais. Lonxe do seu perfil público ou da súa ideoloxía, nada xustificaba o xuízo sumarísimo por parte dalgún resentido e dos seus seguidores. Logo souben que o que emitía os improperios obtivera a súa atención e consideración. Os intereses cambiaran, como os tempos, as palabras e as sazóns, e a lealdade e a honestidade xa non contaba.


Nas clases de lingua española todos os estudantes aprendemos a insultar, empregando recursos estilísticos. Tentarei explicarme. Ninguén pode denunciarche ao empregar unha metáfora para falar de alguén. Por iso que se vemos a unha persoa nun restaurante comendo moito e dicimos que é un león comendo, calquera pode pensar nun insulto. E ninguén pode demostrar se realmente o é ou non. Esta vía de escape para insultar recibe un rexeitamento por parte da sociedade, pero é moi contaxiosa e vai minando as bases éticas de calquera colectivo. Cando nos anos 90 os imputados por casos de corrupción insultaban aos xuíces e fiscais, parecía que non pasaba nada. Por tanto a xustiza mantíñase firme nos procesos abertos e non actuaba sobre eses insultos concretos, para non paralizalo todo por ser recusados. Os que insultaban, xogaban co tempo e preferían incorrer nunha falta a que continuase a instrución xudicial habitual.


O mellor remedio ante insúltoo é ignoralo. Como dicía Moliere “Un home sabio é superior a calquera insulto que se lle diga, e a mellor resposta a un comportamento ruin é a paciencia e a moderación”. Paciencia sempre, pois detrás do insulto agroma a incultura.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE