O 86% dos vigueses convocados a un cribado non aparece a pesar de que o covid-19 está a crecer na súa cidade
6.646 dos 8.000 vigueses chamados a un cribado non acudiron. A súa cidade ten unha incidencia acumulada de nivel de risco alto e acaba de ver como se endurecen as restricións.
A área Sanitaria de Vigo detectou nove positivos de Covid-19 nun cribado cunhas 8.000 persoas citadas, das que acudiron o 16,9 por cento. É dicir, non se presentaron o 83,1%.
Noutro cribado en Meis (Pontevedra) saltaron tres contagios entre as probas realizadas.
DATOS DE VIGO
Segundo informou a área sanitaria de Vigo, na cidade olívica foron citadas 8.000 persoas a realizarse PCR, das que acudiron 1.354. Isto supone un 16,9 por cento de participación.
Entre as 1.354 mostras viguesas, diagnosticáronse 9 positivos de Covid-19. Resulta unha taxa de positividade do 0,66%, pequena pero superior á doutros cribados entre asintomáticos.
Dese total, puntualizan as mesmas fontes, no tramo de idade entre 16 e 30 anos convocáronse a 3.735 persoas das que acudiron 394, un 10,5%, de entre as que se obtiveron 3 positivos.
É dicir, case o 90% dos mozos vigueses non acudiu ao cribado. Entre os mozos que si acudiron a taxa de positividade foi un superior á da poboación en xeral, pero pouco, do 0,76%.
DATOS DE PONTEAREAS
Mentres, no cribado en Ponteareas, na mesma área sanitaria viguesa, convidouse a participar a 5.003 persoas, das que acudiron 2.124, que supoñen un 42,4% de participación, e detectáronse seis novos casos. A taxa de letalidade é do 0,28%.
ÁREA DE PONTEVEDRA
Pola súa banda, os cribados con PCR efectuados en pasadas datas no municipio de Meis pola área Sanitaria de Pontevedra e O Salnés detectaron tres casos positivos de Covid nesta localidade.
Este cribado voluntario tivo lugar no pavillón de deportes de Mosteiro o pasado luns 19 e martes 20 de abril. Foron convocadas persoas de 20 a 64 anos con tarxeta sanitaria activa no centro de saúde deste municipio, colectivo que alcanzaba os 2.213 habitantes. Finalmente efectuáronse probas a 1.355 cidadáns, que representan o 61,23 por cento dos convocados.
NOVOS CRIBADOS
Por outra banda, a área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco prepara novos cribados entre este venres e sábado con 2.850 persoas convocadas dos municipios de Verea, Ramirás, Lobeira, Muiños, Lobios e Cartelle.
O obxectivo deste cribado masivo, indican fontes desta área sanitaria, céntrase en "detectar casos asintomáticos e paralelamente cortar a posible transmisión dos contagios" nesta área na que coincide no tempo, engaden, "un incremento dos casos activos", polo que actúan de forma preventiva.
As primeiras actuacións terán lugar o venres 23 pola tarde no centro de saúde de Verea onde, entre as 15,00 e as 17,00 horas están convocados 300 usuarios; e en Pavillón Municipal de Picouto en Ramirás, onde poderán acudir 500 veciños citados entre as 15,00 e as 18,30 horas.
Mentres, o sábado pola mañá os cribados realizaranse en Lobeira, con 150 persoas convocadas entre as 9,00 e as 10,30 horas no centro de saúde; en Muiños hai 400 citados entre as 11,30 e as 14,30 horas no pavillón de deportes; e en Lobios están chamados 600 cidadáns entre as 11,30 e as 14,30 horas no seu recinto deportivo municipal.
Pola tarde os equipos de enfermería desprazaranse a Cartelle, onde se realizará o cribado máis numeroso, con 900 persoas convocadas entre as 16,00 e as 20,00 horas no polideportivo de Outomuro.
Deses cinco concellos ourensáns nos que se actuará esta fin de semana o que maior número de casos de Covid presenta é Cartelle, con seis; seguido de Lobeira, con cinco; e Ramirás, con catro, mentres que Lobios e Verea contan con tres cada un.
Escribe o teu comentario