Estes son os 22 concellos que a Xunta inclúe na listaxe para recibir axudas para paliar danos do lobo
As cidades de Pontevedra e Lugo ou os municipios de Viveiro, Silleda ou Celanova forman parte da nova listaxe.
As axudas, orientadas a paliar os danos que provoca o lobo en explotacións gandeiras, veñen cun incremente do 30% do importe total nas localidades da listaxe.
A Xunta incorpora a máis dunha vintena de municipios | Foto: EP
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda incluíu a 22 novos concellos na lista de municipios que se poderán beneficiar dun incremento do 30 por cento do importe da axuda para paliar os danos que provoca o lobo en explotacións gandeiras.
Así, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou unha modificación da Orde pola que se convocaban estas axudas, para ampliar a lista de concellos beneficiados. Tras iso, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, comunicou esta decisión a Unións Agrarias, Sindicato Labrego de Galicia e Asociación Agraria de Galicia.
En concreto, os concellos engadidos á lista son A Laracha, Lousame, Ortigueira, Oza-Cesuras, As Somozas, Chantada, Guntín, Lugo, Paradela, Sarria, O Saviñao, Taboada, Viveiro, Xove, Castro Caldelas, Celanova, Nogueira de Ramuín, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso, Pontevedra e Silleda.
Desta forma, xa son 96 localidades en toda Galicia que se poden acoller ao incremento da contía nesta orde de axudas pola súa "maior probabilidade de incidencia de danos por lobo". Do total de municipios, 21 sitúanse na provincia da Coruña, 36 en Lugo, 27 en Ourense e 12 en Pontevedra.
As axudas concedidas variarán segundo as especies afectadas e as súas idades, partindo de 26 euros por un exemplar de gañado ovino/caprino adulto e 1.817 euros dunha vaca de raza autóctona de entre 2 e 6 anos de idade. Estas contías incrementaranse nun 30 por cento cando afecte a explotacións destes concellos.
Escribe o teu comentario