Luís López, alcalde de Rodeiro, posible recambio de Piñeiro como delegado da Xunta en Pontevedra
López é alcalde de Rodeiro e postúlase como novo delegado da Xunta na provincia de Pontevedra despois da condena a Luisa Piñeiro.
Piñeiro renunciou onte ao seu posto tras a sentenza que a condena a dous anos de prisión e oito de inhabilitación.
Luís López | Foto: EP
O alcalde popular de Rodeiro, Luís López, perfílase como o novo delegado da Xunta en Pontevedra despois de que Luisa Piñeiro renunciase a este cargo ao ser condenada a dous anos de cárcere e oito de inhabilitación por prevaricación e fraude.
Diso informan fontes do Goberno galego a Europa Press, despois de que o venres Piñeiro anunciase en rolda de prensa que deixa o seu posto de delegada da Xunta en Pontevedra.
O Xulgado do Penal número 3 de Pontevedra condenou a Piñeiro e ao expresidente da Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, ao considerar probado que cometeron irregularidades para outorgar 86.311 euros a unha construtora para compensala por un sobrecusto nas obras do campo de fútbol de Moraña.
Nacido en Rodeiro en 1978, Luís López é licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), desenvolveu o seu labor profesional na empresa privada como técnico de organización.
Tras ser concelleiro de Educación e Deportes entre 2003 e 2007, en 2010 foi elixido presidente local do PP de Rodeiro. É alcalde deste municipio desde 2011.
Escribe o teu comentario