A pandemia da Covid-19 e o estado das autonomías

Manoel Barbeitos
Economista

Empezaba o último artigo sinalando que "unha dos ensinos máis relevantes entre as que se poden sacar do impacto provocado por a  COVID-19 é a dos enormes custos económicos e sociais que ocasiona o abandono do público e a consecuente deterioración do estado de benestar". Agora quero engadir que o terceiro repunte da pandemia pon tamén no foco ao estado das autonomías evidenciando o seu deficitario desenrolo e articulación, pois está moi lonxe do que sería un estado federal, o que está a crear problemas e tensións á hora de atacar a pandemia.


Para mellor entender eses problemas considero necesario facer algunhas importantes explicacións sobre a realidade hoxe do Sistema Nacional da Saúde (SNS). En primeiro lugar, está a evidencia de que a maioría das comunidades autónomas teñen competencias practicamente plenas sobre a atención sanitaria pública no seu territorio (Art. 148.21,  C.E.) o que non impide que o estado da situación sanitaria  sexa diferente en cada CCAA segundo quen goberne, por caso as dereitas ou as esquerdas. Aínda que na maioría das comunidades autónomas aplicáronse fortes axustes fiscais que afectaron tanto o persoal como aos recursos materiais, o peso do público e do privado é diferente, algo fundamental en casos de pandemia: o privado demostrou bastante a súa incompetencia nesta batalla. O outro aspecto a destacar é que, a pesar desta descentralización, o goberno do estado é quen ten a responsabilidade directa en temas relevantes que afectan a atención sanitaria xeral como pode ser, por caso, a declaración do estado de alarma (Art. 116,  C.E.). Un SNS así estruturado require en casos como o da pandemia da Covid-19 dunha correcta coordinación entre os diferentes niveis administrativos e políticos.


O  SNS tivo que enfrontarse por primeira vez na súa historia a unha situación sanitaria excepcional: unha pandemia sobre a que, a pesar das constantes advertencias e recomendacións da comunidade científica, nos diferentes niveis de goberno había bastantes incertezas tanto sobre a súa orixe (que animal?), como do seu impacto (que nivel de contaxio?) e, por tanto, sobre como combatela máis eficazmente. Pronto puidemos comprobar que nin o Goberno español de quenda nin as Comunidades Autónomas estaban debidamente preparados para facer fronte e con garantías á pandemia da COVID-19. Velaí que os desaxustes, as improvisacións e as limitacións fosen comprensibles aínda que non todas as actuacións son xustificables. Por caso, trasladar a batalla política partidaria á loita contra a pandemia, algo no que as dereitas españolas teñen a máxima responsabilidade como pon en evidencia o comportamento do principal partido da oposición (PP) de ningún xeito equiparable ao da maioría dos partidos europeos que tamén están na oposición pero que deixaron a pandemia fóra da loita partidaria ofrecendo ao goberno de quenda a súa total colaboración e solidariedade nesta batalla. Unha estratexia de confrontación que resta eficacia á loita contra a pandemia dado que o Partido Popular (PP) goberna en importantes comunidades autónomas como, por caso, en Madrid e Galicia.


Un SNS como o español esixe por parte dos responsables políticos autonómicos tanto un criterio claro das prioridades na súa comunidade (a defensa da saúde e a vida dos seus cidadáns) como un sincero sentido da solidariedade (desta pandemia só pódese saír unidos) e unha visión política de estado (imprescindible para, por caso, a subministración e distribución equilibradas do material sanitario necesario para combater a pandemia) que deben estar por encima das visións partidistas. En tanto aos responsables políticos do goberno central require, por caso, respectar os marcos competenciais, non decidir nin executar medidas unilaterais de contención do virus (no modelo alemán o goberno central recomenda e coordina pero cada land decide cando e como executa as medidas), nin pensar que os presidentes autonómicos son delegados do goberno.


As evidencias dinnos que nesta pluralidade política na toma de decisións, nesta repartición de funcións e competencias entre o estado e as autonomías  foron, e seguen sendo, demasiado numerosas as situacións en que fallaron algúns ou todos dos requisitos anteriores, con casos autenticamente paradigmáticos como o xa citado da Comunidad de Madrid. Con todo, resulta curioso e significativo constatar como nesta conxuntura na que o estado das autonomías está a ser sometido a un exame moi duro a maioría dos partidos soberanistas periféricos tiveron, e seguen tendo, un comportamento máis solidario e con maior visión do estado que os partidos das dereitas (PP, Cs e Vox).


Por todas estas razóns non debería estrañar que moitos pensemos que logo da pandemia sería oportuno que os partidos políticos tomasen en consideración a necesidade de avanzar máis na concreción institucional e política da descentralización na toma de decisións nun estado das autonomías. Unha urxencia que esta pandemia puxo arriba da mesa.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE