O Goberno de España admite a súa preocupación pola evolución da pandemia, pero descarta o confinamento total
Salvador Illa, ministro de Sanidade, confirmou ante os medios que a situación que atravesa o conxunto do país esperta "moitísima preocupación".
A pesar de todo, e aínda que algúns goberno rexionais reclaman un confinamento estrito como o da pasada primavera, Illa descarta esa opción nestes momentos.
O ministro de Sanidade, Salvador Illa, descartou que sexa necesario aprobar un confinamento total da poboación, aínda que avisou de que a evolución actual dos contagios do coronavirus está a xerar unha situación de "moitísima preocupación".
Nunha rolda de prensa, Illa asegurou que as medidas que están a adoptar as comunidades autónomas son "proporcionadas" ao estado epidemiolóxico das súas rexións e contan co apoio do Goberno xa que se están tomando en base ao plan de 'Actuacións de resposta coordinada para o control da transmisión de COVID-19'.
Con todo, o ministro insistiu en que existe unha "preocupación moi alta" pola evolución da pandemia. "Onte acabaron as festas de Nadal e volvemos a un proceso de normalidade e, aínda que pode haber un atraso na notificación de casos pola particularidade destas festas, a valoración que facemos é de moitísima preocupación", sentenciou Illa.
Agora ben, a pesar diso, o ministro de Sanidade asegurou que o Goberno non contempla un confinamento total, como o aprobado en marzo, xa que o plan de resposta vixente permitiu dobregar a segunda curva de contagios da covid-19.
"Pensamos que coas actuacións de resposta que nos marcamos en outubro hai suficiente campo de actuación para poder dobregar estes incrementos de casos", insistiu Illa, para resolver advertindo de que veñen "semanas moi complicadas", que hai ter "a garda moi alta" e que hai que seguir "ao pé da letra" as recomendacións das autoridades sanitarias.
Escribe o teu comentario