Choiva como para abastecer a Galicia durante un século e as presas do Miño-Sil comprometidas por "falta de medios"

A cantidade de auga acumulada no que vai de 2026 pon en alerta a CSIF, que mostra a súa preocupación polo estado e os medios existentes na presa de Vilasouto.


|

Encoro vilasouto o incio
Contorna da presa de Vilasouto no Incio | Foto: Turismo.gal

 

A choiva volve ser hoxe noticia en Galicia onde, de novo, hai que agarrar o paraugas, enfundarse o chuvasquero e pór as botas de auga para saír á rúa. A 13 de febreiro só rexistrouse un só día no que vai de 2026, o 4 de xaneiro, no que non caeu nin unha soa pinga. Nestes máis de 40 días só en catro non houbo avisos meteorolóxicos, deixando unha factura de 7.613 incidencias comunicadas só nas últimas tres semanas. Nese tempo caeu tanta auga que podería dar de beber aos galegos durante 113 anos.

 

 

"

Estas cifras foron debulladas polos responsables de Meteogalicia, Augas de Galicia e Axega 112, xunto á conselleira de Medio Ambiente, Anxos Vázquez, nunha xornada este venres para analizar en profundidade a situación na que se atopa a comunidade que, só en xaneiro, rexistrou un 98% máis de choivas do habitual. 

 

 

 

Aemet, pola súa banda, destacou os 180 l/m2 en Vigo/Peinador, os 156 l/m2 en Pontevedra ou os 150 l/m2 en Santiago de Compostela/Labacolla entre as precipitacións acumuladas nos observatorios principais de todo o Estado só entre o 4 e o 10 de febreiro. A nivel nacional, as precipitacións acumuladas en España desde o inicio do ano hidrológico a inicios de outubro cífranse en 429 litros por metro cadrado (l/m2). Isto signifca un 38% máis do habitual: 310 l/m2. 

 

Galicia aemet
Galicia aemet

 

Galicia non é menos, con 'Oriana', a nova borrasca que se asomará ás nosas costas, facendo acto de presenza desde este venres, sendo unha fronte que dominará o inicio do fin de semana. Nos mapas da Aemet pódese constatar como a contorna das Rías Baixas e o interior de Pontevedra, particularmente, rexistraron precipitacións por encima do habitual, provocando desbordamento de ríos, inundacións e a cancelación das clases en varias xornadas. 

 

 

Hai que engadir a isto os episodios de neve na alta montaña ourensá e lucense, ademais de nevadas significativas en puntos do interior galego, provocando non só incidencias nas estradas, senón tamén inconvenientes que chegaron a afectar as subministracións de supermercados e comercios. 

 

 

Para ter unha dimensión do ocorrido neste mes e medio, só en Rois ou Lousame choveu máis de 1.000 litros por metro cadrado. Isto equvialdria a "o que chove en Ourense, de media, durante ano e medio", detallou Paula Uría. Neste contexto, os encoros atópanse, tal e como detallou o director de Augas de Galicia, Roi Fernández, en máximos de auga. No que vai de ano hidrológico alcanzouse xa o 50% das achegas de auga anuais segundo as medias históricas cando aínda restan 8 meses para pechar o ano hidrológico. 

 

PREOCUPACIÓN EN VILASOUTO

Os encoros son, precisamente, o capítulo que ocupa hoxe as denuncias da Central Sindical Independente e de Funcionarios (#CSIF), que chama a atención sobre a "grave situación" dos encoros na conca do Miño-Sil. Alí, a "falta de persoal especializado" e o uso de "sistemas hidráulicos envellecidos" supón un cóctel perigoso para o sindicato.

 

A presa de Vilasouto é unha das máis comprometidas, segundo o relato do sindicato, pois a cantidade de auga acumulada pon de manifesto, ao seu xuízo, "a vulnerabilidade" desta infraestrutura tras "década de abandono" en canto a mantemento e dotación de recursos. Unha rotura "podería provocar danos moi graves á poboación e a servizos esenciais como auga, enerxía e comunicacións", apostilan desde CSIF

 

 

Nesa liña, abundan que as presas de Bárcena, en Ponferrada, e a citada de Vilasouto, son de máxima cateogría, pero a lucense só conta cun técnico en instalacións hidráulicas. "O resto do persoal dedícase a tarefas administrativas", asegura o sindicato, que remarca a praza vacante de técnico que leva anos sen cubrir. 

 

Presa vilasouto 1770984777
Foto: CSIF

 

"A insuficiente dotación humana compromete a vixilancia, o control e a reacción ante emerxencias", manifestan desde CSIF, que critica tamén "a subcontratación a empresas externas como TRAGSA", un mecanismo que "encarece o servizo e xera un risco inaceptable para a poboación". 

 

Todo iso supón para o sindicato unha "mala xestión deliberada por parte da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil" tras anos de denuncias por "abandono, falta de investimento e privatización encuberta", con operarios asumindo "condicións de sobrecarga e responsabilidade extrema, sostendo un sistema hidráulico envellecido sen recursos suficientes". 

 

 

"Unha situación que é extensible ao conxunto de infraestruturas hidráulicas do país e que, segundo datos técnicos do propio MITECO, reflicte unha realidade preocupante: 375 presas estatais presentan deficiencias, unha de cada tres necesita reforzos estruturais urxentes, o 65 % require renovación de sistemas de auscultación e vixilancia, o 50 % necesita rehabilitar os desaugadoiros de fondo, o 75 % carece de plans de emerxencia implantados, 147 presas tipo A están infradotadas de persoal para cumprir coas normas de explotación e o 95 % carece do persoal necesario para situacións de emerxencia e quendas de 24 horas", detalla o sindicato no seu comunicado.

 

PROTESTA NOS ENCOROS?

Así as cousas, e coa previsión de que as borrascas seguirán deixando auga nas próximas semanas e que no futuro poden dar con cada vez máis frecuencia estes episodios de sobreabundancia, desde CSIF demandan unha "reunión urxente" coa ministra Sara Aagesen para trasladar as súas preocupacións e "tomar medidas inmediatas". 

 

Se a súa solicitude non é atendida, desde CSIF avanzan que expoñen pór en marcha un calendario de mobilizacións "para defender a seguridade das presas e a dignidade profesional dos empregados públicos que as sosteñen". "Sen persoal non hai control, sen control non hai seguridade, a auga constitúe un recurso estratéxico e quen a xestionan son persoal esencial", resolven. 

Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE