Moi probablemente que a inmensa maioría dos galegos e galegas, do mesmo xeito que o conxunto dos europeos e dos cidadáns do mundo, esteamos a desexar que co Ano Novo 2021 deixemos atrás a pandemia da COVID-19. Que, grazas ás vacinas, podamos volver aos poucos a nosa vida normal. Con todo, cabe lamentar que unha vez máis a industria farmacéutica puxese o obxectivo empresarial de obtención da máxima ganancia por encima da saúde e a vida das persoas. Unha estratexia que se reflicte, por caso, na produción e distribución das vacinas que están a prexudicar maiormente ás clases de rendas medias e baixas e aos países do sur.
Pode tamén que moitos galegos e galegas esperen que co ano 2021 recupérense o emprego, a actividade e os ingresos perdidos por unha pandemia que tan duro está a castigar ás familias e as empresas non financeiras. Esperanza que, en moitos casos, converterase en frustración, pois aínda que o goberno español de quenda puxo en marcha unha serie de importantes medidas de apoio (ERTEs, Ingreso Mínimo Vital...) e mirando con preferencia aos colectivos máis afectados. Tamén é certo que son medidas claramente insuficientes dada a dimensión da crise e que se puxeron en marcha moi tarde. A isto engadíronse os graves problemas de xestión e aplicación das medidas aprobadas que limitaron moito a súa eficacia.
Cabe tamén esperar que coa pandemia os galegos e galegas teñamos aprendidas algunhas leccións básicas. Por caso, que debemos coidar os nosos recursos naturais (auga, terra, aire, plantas, animais....) porque son finitos e porque cada vez resulta máis urxente recuperar os equilibrios ambientais se non queremos poñer en serio risco a vida no planeta. Deberiamos tamén ter clara a necesidade de defender e mellorar o noso deficitario estado de benestar (sanidade, dependencia, maiores, desemprego, exclusión...) xa que resulta imprescindible non só para atender situacións excepcionais como a actual senón tamén para ter unha sociedade sa, forte e xusta. Non menos importante é a lección de que os gobernos precisan de dotarse de recursos e medios públicos suficientes para atender as necesidades da maioría da poboación tanto en casos excepcionais como na normalidade da vida diaria. Finalmente non resulta menos evidente que se queremos poñer fin ás crises sistémicas que nos veñen golpeando nas últimas décadas hai que corrixir as crecentes desigualdades sociais e territoriais.
Como lección política para os partidos galegos das esquerdas esta pandemia tería que ensinarlles, dunha vez e para sempre, que deben aceptar e asumir que as divisións, as loitas cainitas, os egos e as intolerancias só serven para afastalos cada vez máis tanto dos principios que din defender como dos obxectivos políticos que aseguran querer conseguir. As evidencias son contundentes.
Feliz Ano Novo 2021.
Escribe o teu comentario