AGAMFEC pide diferenciar os “coidados paliativos” da “eutanasia”, unha decisión “madurada e irreversible”
Nesta liña, piden “despenalizar” aos profesionais sanitarios e apostar “pola empatía, a solidariedade e a comprensión, emocións coas que sentimos máis cómodos neste difícil debate”.
A Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (AGAMFEC) manifesta nun comunicado o seu parecer en torno ao debate existente sobre a regulación da eutanasia recentemente aprobada en España.
Aínda que aclaran que esta Lei de Eutanasia non debería tratarse desde os extremos –“falar desde un rexeitamento absoluto ou desde unha adhesión inquebrantable non ten ningún sentido”-, para os profesionais da medicina familiar e comunitaria recalcan que se trata dun tema “sensible” que conecta cos “valores e crenzas” das persoas.
“Non debemos crernos en posesión da verdade”, insisten. Con todo, manifestan a necesidade de poñer en dous niveis distintos os coidados paliativos, aqueles que “debemos sempre procurar ante unha enfermidade terminal sen expectativa terapéutica posible”, e a eutanasia, “que non ten que darse necesariamente nun enfermo terminal ou cun sufrimento insoportable”.
“Trátase dunha decisión de acabar cunha vida que non se desexa continuar, por unha situación persoal meditada, dura e insoportable”, afirman. Como organización “comprometida coas persoas”, entenden que esta postura é a que lles axuda a defender este tipo de decisións, que tachan de “duras” pero “sentidas, maduradas e irreversibles” por parte do paciente que toma esa determinación.
“Debemos aceptar esa situación e expresar a nosa solidariedade e comprensión ante a dor dunha decisión así”, incide, á vez que recalcan a necesidade de afrontala “sen paternalismo, sen infantilizar nin considerar frívola unha cuestión tan difícil”.
“Da mesma maneira, a nosa comprensión e solidariedade con aquel médico cuxo compromiso coas persoas lévalle a asumir unha axuda profesional para facer ese tránsito máis levadío e humano”, consideran. Nesta liña, piden “despenalizar” aos profesionais sanitarios e apostar “pola empatía, a solidariedade e a comprensión, emocións coas que sentimos máis cómodos neste difícil debate”.
Escribe o teu comentario