A soidade

José Luis Fernández Carnicero

Nacido en Ourense en 1967. Estudou Maxisterio por Ciencias,especialista en Música. Licenciado en Ciencias Matemáticas especialidade de Estadística e Investigación Operativa na UNED.Postgrado de Experto Universitario en Modelización de Riscos en Entidades Financieiras.

Escrebo en varios diarios de Galiza, nalgúns co pseudónimo de José Luis Fernández Carnicero.

Mestre de Educación Musical no C.E.I.P. Calvo Sotelo (Carballiño).

Membro da Sociedade cultural: O Liceo de Ourense.

Membro do Consello Escolar de Galiza e do Consello Escolar Municipal de Ourense.

 O tema que hoxe nos ocupa é tan vello como a vida. A mesma que nos leva a vivir ou sobrevivir en sociedade. O que acontece é que poucos queren falar da soidade cando é un mal común a todos. Tratamos de tapala con paradoxas e exemplos, e non interesa profundar nas causas da súa existencia. Ás veces úsase como arma de vinganza e noutras ocasións chega por intereses persoais espurios. Tamén pode ser resultado dunha percepción individual; así decía Ana Frank ao afirmar que : "Una persona puede sentirse sola, aún cuando mucha gente la quiera”, xa que se non hai presenza física o sentimento de soidade agroma sen moito esforzo. Nos proverbios topamos un versiño que fala de que é mellor ter ao veciño perto de nós que ao irmao lonxe, porque ante calquera necesidade, os lazos de sangue non valen gran cousa.


A soidade ten asociadas varias características nas que debéramos por atención. Nestas datas do Nadal hai que xuntar a familia aínda que non exista boa sintonía durante o resto do ano, pero mostrar a soidade aos que nos miran, pode ser máis molesto que aturar ao cuñado de turno. A soidade é compañeira da tristeza, cando existe impedimento para acompañar aos que queremos de corazón. Non podo imaxinar a dor de non poder despedir ao ser querido que finou só, pola pandemia que nos asedia. E non quero esquecer a todos aqueles que seguen rodeados de soidade, nas residencias de maiores, ao non poder receber visitas dos seus. Mario Benedetti decía que a maioría das veces non choramos pola razón que choramos, senon polas veces que non choramos o que tiñamos que chorar. Penso que cando nos cargamos en exceso de soidade, hai momentos que estoupamos coma un foguete das festas, e despois de pasar un tempo, aprendemos a canalizar os sentimentos e as actividades sociais. Algúns queren ocultarse no traballo, outros buscan retornar a antigas coleccións, que por falta de tempo deixaran de lado. Con todo, a maioría vai superando a fobia ao rexeitamento social, e buscan refuxio nalgún grupo cultural, ecoloxista ou relixioso. Achegados a estes colectivos é habitual ver como agroman as envexas, a loita polos cargos e as ansias de poder. Daquela aparece de novo a soidade individual ao non ser querido pola comunidade e comeza de novo a búsqueda quimérica dun estado no que a soidade esté prohibida, ou non teña razón de ser.


Lembro moitos persoaxes que estiveron sós durante moitos anos, sufrindo inxustizas, loitando polos dereitos dos demáis e ofrecendo as súas vidas por un obxectivo digno de encomio. Non citarei ningún nome. Mais teño pena de descoñecer a tantas mulleres anónimas que levantaron países coma o noso, co seu traballo diario, cunha boa administración dentro do pouco que tiñan e coa valentía de sacar adiante aos seus fillos nun mundo de homes, que non sempre valorou o seu facer. A soidade desas mulleres caeu sobre os seus propios ombreiros, sen queixas, sen salario e sen bagoas. Hoxe seguen sen nome, pero sabemos que na soidade das aldeas, no silenzo dos eidos e no lume das lareiras conservaron a nosa lingua perseguida e isolada polos invasores ( que até cortaron as oliveiras). Nunca é tarde para nos lembrar delas. Rosalía tamén o fixo no seu fermoso poema: “Tecín soia a miña tea/ sembrei soia o meu nabal,/soia vou por leña ó monte,/soia a vexo arder no lar”. So me quedan palabras de agradecemento, por tanto, por salvar a nosa lingua galega, que sendo “materna” chegou, como diría Alonso Montero, a seres tamén “paterna”. E aos que seguen a sufrir a condena da soidade, de calquer especie, deben saber que non son os únicos, e só loitando xuntos,en unidade, afástase para sempre a soidade.



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE