En tempos complicados e cando a xestión é máis que dubidosa hai determinados partidos políticos que buscan outros sistemas para tapar a súa incompetencia. Para alcanzar os seus obxectivos non dubidan en utilizar calquera artimaña que cale en determinada parte da cidadanía. É o chamando populismo barato que tanto dano está a facer na política española. Hainos de dereitas e de esquerdas, non nos enganemos, e xogan coas necesidades, as frustracións e os sentimentos das persoas.
O tema da ocupación de vivendas e os desafiuzamentos está á orde do día e converteuse un tema recorrente para algunhas formacións políticas, mesmo para aqueles que forman parte de gobernos e que baixo a escusa de defender aos desafiuzados ou aos que ocupan vivendas, buscan o rédito electoral por medio das desgrazas e penurias de moitas persoas.
Quen ocupa vivendas, hainos que teñen necesidade, pero non tamén os que se aproveitan e fan negocio diso. Constituíronse auténticas mafias que se aproveitan da situación para encherse os petos de euros manchados de sufrimento, sen importarlles máis nada que as súas finanzas. É unha nova forma de explotación.
Hai propietarios de vivendas que as adquiriron aforrando e a cambio de grandes sacrificios. Sempre pensando nos seus fillos ou no futuro como complemento ás súas pensións. Son ricos eses propietarios? Non. Son traballadores que dedicaron moito anos traballando máis horas que un reloxo. O que posúen gañáronllo coa suor da súa fronte e coas súas mans, ninguén lles regalou nada.
Agora, aproveitando que a pandemia e a crise están a cebarse con todos, especialmente coas familias máis vulnerables, vén Pablo Iglesias a salvalos e di que hai que cambiar as leis para que non os boten á rúa. Iso está moi ben, pero como din algúns pequenos propietarios, por que teñen que ser eles os prexudicados, mentres as distintas administracións botan balóns fose e os propietarios sigan pagado tamén os distintos impostos? Que responsabilidade teñen as distintas administracións? Pois parece que ningunha, segundo pódese comprobar cada día, cando a Constitución di na súa Artigo 47 que “todos os españois teñen dereito a gozar dunha vivenda digna e adecuada. Os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando a utilización do chan de acordo co interese xeral para impedir a especulación. A comunidade participará nas plusvalías que xere a acción urbanística dos entes públicos”.
Quen avala aos propietarios fronte aos Okupas e os inquilinos que non pagan? Por que seguen as mafias campando ás súas anchas?
Coa demagoxia que utiliza o partido morado neste tema, cabería preguntarlle a Pablo Iglesias e á súa muller, Irene Montero, se nas distintas vivendas que posúen teñen aloxadas a persoas que o necesitan ou os teñen alugados a prezo de mercado. E se tan solidario é, como é que na casa de invitados que ten no seu casoplón de Galapagar non pode aloxar a algunha familia, espazo ten para iso, porque nada é tan contaxioso como o exemplo. A propiedade privada ten que ser respectada nun Estado de Dereito e as administracións deben velar polos máis desfavorecidos e protexer tamén ao resto da cidadanía, para que este país non se converta nunha Venezuela dúas, porque ao final, como di Mafalda, non nos faltan recursos, sobran ladróns.
Escribe o teu comentario