Bos datos do coronavirus en Galicia: cifras de positivos á baixa, en parte debido a menos PCRs


As últimas cifras do coronavirus en Galicia volven ser esperanzadoras. Desde o 15 de outubro non encadeabamos dúas xornadas seguidas por baixo dos 330 novos positivo; onte 323, hoxe moi pouco máis, 327. 


|

As últimas cifras do covid-19 en Galicia volven ser esperanzadoras. Desde o 15 de outubro non encadeabamos dúas xornadas seguidas por baixo dos 330 novos positivos; onte 323, hoxe moi pouco máis, 327. 


Tamén é certo que estas cifras proveñen de dúas xornadas con relativamente poucas PCRs. Onte 4.400, antonte 6.100; cando a media semanal está en 6.600.


POR QUE HAI MENOS PCRS?

Algo ata certo punto  normal, pois moitos dos PCRs que o SERGAS comunica o luns e o sábado son ordenados a fin de semana, cando a actividade sanitaria é menor. En todo caso, a media de PCRs está a baixar, circunstancia previsible tamén, ao baixar tamén os infectados e, por tanto, os seus contactos estreitos. A clave para saber se a Xunta baixa demasiado o ritmo de probas é vixiar como evoluciona a taxa de positividade.


A que non é boa, pero tampouco alarmante, é a evolución de positividade. Onte estivo por encima do 7% e a media semanal segue crecendo, colocándose no 7,5%. Hai unha semana estaba no 6,5%.




Aínda así, a melloría desde principios de mes é xa visible. A incidencia acumulada cae a 130 diagnósticos por 100.000 galegos cada semana. É o seu mellor rexistro desde o 24 de outubro, a metade do acelerón desta onda.


Se abrimos o foco, a incidencia acumulada a dúas semanas tamén cae, aínda que menos. Ponse en 264 positivos entre 100.000 galegos cada 14 días. É o mellor rexistro desde finais de outubro. Este indicador leva baixando case de forma constante desde o 5 de decembro.


En definitiva, la tendencia da pandemia en Galicia segue sendo á baixa. Moi lentamente á baixa e cunhas cifras de positividade preocupantes, pero á baixa á fin e ao cabo.


CASOS ACTIVOS

Corrobórao a análise da evolución dos casos activos. É dicir, a relación entre altas e falecementos por unha banda e novos diagnósticos por outro. 


A última cifra é 8.617 infectados,  52 casos menos que onte, un 0.6% menos. A media semanal segue nun -0,7%. É dicir, cada xornada hai de media uns 63 enfermos menos en Galicia, aínda que isto desgraciadamente non se explica só polas altas, pois cada día están a morrer 10 persoas.




En principio, non debese haber factores que acelerasen de novo a pandemia en Galicia, polo menos a curto prazo. Outra cousa é que a mellora sexa suficiente para aliviar as restricións impostas na ponte de Todos os Santos. 


Os expertos da Xunta reúnense hoxe. Máis aló do posible desconfinamiento de Verín e algunha outra vila, é temperán para esperar grandes novidades. É máis, é posible que algúns concellos con malas cifras recentemente sexan confinados, como A Rúa, Ribeira, Sarria ou Chantada. Está por ver se este lento ritmo de melloría é suficiente para relaxar as normas para o Ponte da constitución ou o Nadal.


DATOS POR ÁREAS

Hai que ter en conta que a situación é bastante dispar xeograficamente. Por exemplo, Pontevedra encadea dúas xornadas seguidas como a área con máis positivos, a pesar de ser a segunda máis pequena en poboación. Pola contra, Ourense, a primeira área con restricións máis duras, volven achegar uns números excelentes, só 21 novos diagnósticos en toda a provincia onte.




Segundo consta no parte deste martes da Consellería de Sanidade, con datos ata as 18,00 horas do luns, a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés notificou 70 positivos nun día, a cifra máis alta, a pesar de que baixou en oito.

Das áreas nas que subiron os novos casos confirmados, a de Lugo-Monforte-A Mariña sitúase como a de maior incidencia, con 60 novos casos, 22 máis que os notificados a xornada anterior. Segue a esta Santiago-Barbanza, con 52 novos positivos (+10); Vigo, con 43 (+1); e Ourense-Verín-O Barco, con 21 positivos (+5), que continúa como área con menos infeccións detectadas diariamente.

Pola contra, notificaron descensos nos positivos en 24 horas as áreas da Coruña, con 53 novos (-15), e Ferrol, con 28 (-13). 


Tan soa a área de Vigo estivo onte por baixo do límite do 5% de positividade, co 2,2% de positivos, mentres que se puxeron por encima Pontevedra (17,5%), Santiago (9,7%), Ourense (8,1%), A Coruña (7,4%), Lugo (6%) e Ferrol (5,8%).  Son cifras superiores ao 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.


A área sanitaria que reúne a maior cifra de casos activos segue sendo Vigo, que notifica 2.209, aínda que son 51 menos que o luns. Tamén baixaron nas áreas da Coruña-Cee, ata os 1.759 (-29), a de Pontevedra-O Salnés, ata os 1.235 (-1); e Ourense-Verín-O Barco, ata os 627 (-10).

Ademais, subiron os pacientes na área sanitaria de Lugo-Monforte-A Mariña, que este martes notifica 1.108 (+11); en Santiago-Barbanza, con 982 (+23); e en Ferrol, con 697 casos activos de coronavirus (+13). 


POSICIÓN NO SEMÁFORO DE ALERTAS

Respecto ao semáforo de niveis de alerta pactado por Estado e Autonomía, Galicia segue en nivel de "risco extremo" no que se refire ás súas incidencias acumuladas semanal e a dúas semanas.


A positividade está algo mellor, nivel de risco medio e non lonxe de poder baixar un banzo a nivel de risco baixo.


Na fronte hospitalaria,  a "ocupación de camas de coidados críticos por casos de COVID-19" é do 6,3%, segundo as cifras do Ministerio (o SERGAS non os publica). Isto ponnos no nivel de "risco baixo", non lonxe do 5% que supoñería chegar ao mellor banzo, a nova normalidade.


No que se refire a camas convencionais, as enfermos covid-19 ocupan o 14,5%. A pesar de que a porcentaxe galega é a metade do estatal, esta cifra sitúanos en nivel de "risco alto" e a un paso de "risco extremo". 


Avaliados estes niveis, é evidente que Galicia aínda ten un longo camiño por diante ata alcanzar de novo a nova normalidade, aínda sendo as súas cifras moito mellores que as medias españolas.




HOSPITALIZADOS

As cifras de hoxe dan pé ao optimismo tamén nos hospitais. Os hospitalizados por COVID-19 en Galicia baixaron en sete no último día ata situarse en 552, dos que 96 atópanse en Unidades de Coidados Intensivos (UCI) --catro menos--. 


A porcentaxe de ocupación de camas leva xa catro xornadas á baixa. 



CURADOS E FALECIDOS
Os datos actualizados por Sanidade este martes indican que o total de contagios desde o inicio da pandemia en Galicia ascende xa a 49.832, dos que se curaron 40.056 persoas, 382 nas últimas 24 horas.

Con todo, tamén continúan á alza as vítimas mortais diagnosticadas de covid-19, que este martes sitúanse en 1.161 tras notificarse o luns 15 novos falecementos, dos que sete eran usuarios de residencias de maiores. 


Só no que levamos de novembro morreron 238 persoas con coronavirus en Galicia. É dicir, máis de dez ao día. 


Para que nos fagamos unha idea da magnitude do problema. De seguir este ritmo, poderemos sumar uns 400 falecementos máis de aquí a final de ano. Con todo, hai esperanzas de que baixe o ritmo de decesos, unha vez que parece que o pico de contagios alcanzouse hai algunhas semanas.


IN2IO coronavirus en galicia desde agosto evoluci n diaria (25)





Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE