Policía Local multa a un bar que permanecía aberto en Pontevedra con clientes tomando bebidas e bocadillos
O local estaba aberto a pesar de que na cidade do Lérez a Xunta ordenou o peche da hostalería pola situación epidémica do municipio.
Ademais deste establecemento, a Policía Local detectou unha festa nun domicilio no que se atopaban seis persoas non conviventes.
A Policía Local de Pontevedra volveu a multar a un bar que estaba aberto e con cinco clientes consumindo bebidas e bocadillos, a quen se impuxo tamén unha multa por estar a participar nunha reunión social sen ser conviventes.
Segundo informou en rolda de prensa a portavoz do goberno local do Concello de Pontevedra, Anabel Gulías, os feitos tiveron lugar o pasado xoves ás 20,30 horas, cando os axentes acudiron á parroquia de Lérez ante unha denuncia cidadá por un bar no que se estaba rexistrando actividade.
Anabel Gulías tamén deu conta doutra intervención por parte da Policía Local durante o pasado sábado, de novo unha denuncia cidadá alertou aos axentes municipais, neste caso polo ruído procedente dun domicilio de cálea Pai Sobreira no centro histórico.
Ao chegar a patrulla ao lugar os policías comprobaron que no interior estaba a producirse unha reunión de seis persoas que non eran conviventes, polo que se procedeu a impoñer a correspondente sanción.
Ademais, impúxose unha multa a fin de semana e tres de luns a venres a cidadáns que non usaban a máscara obrigatoria.
PECHE PERIMETRAL
Pontevedra ten decretado un peche do perímetro municipal xunto aos concellos veciños de Poio, Marín, Barro, Ponte Caldelas, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade e Soutomaior. Ademais, a Xunta estableceu o peche da hostalería excepto para comida para levar e as reunións sociais están limitadas nestes municipios ás persoas coas que se convive.
A día de hoxe, o número de casos covid positivos no Concello de Pontevedra é de 350 persoas. Con todo, o número de domicilios con infectados por coronavirus nos que se mantén o servizo de recolleita porta a porta é de 14.
Escribe o teu comentario