O ruído

José Luis Fernández Carnicero

Nacido en Ourense en 1967. Estudou Maxisterio por Ciencias,especialista en Música. Licenciado en Ciencias Matemáticas especialidade de Estadística e Investigación Operativa na UNED.Postgrado de Experto Universitario en Modelización de Riscos en Entidades Financieiras.

Escrebo en varios diarios de Galiza, nalgúns co pseudónimo de José Luis Fernández Carnicero.

Mestre de Educación Musical no C.E.I.P. Calvo Sotelo (Carballiño).

Membro da Sociedade cultural: O Liceo de Ourense.

Membro do Consello Escolar de Galiza e do Consello Escolar Municipal de Ourense.

Sempre me chamaron a atención os contrastes que temos na vida. Se a pasada semana falabamos do silencio, hoxe trataremos de introducirnos nunha parte contraria. O ruído é, xunto coa música, a ausencia de silencio, considerando que o silencio absoluto non existe na natureza. Por iso, consideramos que chegar ao silencio cando cumprimos uns parámetros que nós mesmos determinamos. Por exemplo, pedimos silencio a un auditorio cando vai comezar unha conferencia, un filme, un debate ou unha presentación dun libro. Pedimos silencio para rompelo cunha interpretación musical ou unha coreografía determinada. Por tanto, o silencio finaliza cando, no mellor dos casos, comeza a música; se un ruído xorde de súpeto, o silencio desaparece cunha sensación estraña a modo de molestia, (lembren cando se axusta un micrófono, o ruído característico que ensordece a un). Temos dous elementos que mudan o silencio e centrándonos no ruído podemos afirmar que resulta moi útil para moitas cousas.

            

Chamamos a atención das persoas cando facemos un ruído para que nos atendan. Ás veces empregámolo para evitar un accidente, ou para recriminar unha acción indebida. Dos diversos ruídos habituais, incluída a contaminación acústica, non somos conscientes do dano que nos causa, pero somos capaces de convivir con eles. Cando os habitantes de grandes urbes achéganse ao medio rural, decátanse do límite acústico ao que están sometidos. Descansan e renovan forzas que nin sabían que perderan. O ruído que nos oprime pode ser o exceso de información que nos rodea. Algunhas veces, cambiamos de tema para evadir algúns problemas presentes, e dese xeito os gobernos meten ruído con alarmas que nunca chegan a ser realidade. O problema é que cando son necesarias, como nesta pandemia, poucos acreditan que a cousa vai en serio. É algo así como o conto do lobo que nos contaban para visualizar as consecuencias de mentir sen límite.

            

Diferenciar ruído de música é tan axiomático como subxectivo. Calquera corpo, ao percutir nel, vibra e emite un son froito da vibración. Si leste é desagradable, sen ritmo nin normas, irregular e carente de concordancia cos tons fundamentais e os seus harmónicos, podemos falar de ruído. Pero pode parecernos que estamos a oír ruídos onde non os hai, se descoñecemos outras culturas diferentes ás nosas. Por iso podemos ser ruído para outros, cando cremos ser música. Ese coñecemento entre os pobos, as xentes, as mentalidades ou as diversas sociedades no mundo resulta fundamental para valorar aos demais sen desprezar o noso. Agora que as nosas cidades xa non soan como antes. Polo menos nosa Auria. Coas rúas baleiras de tanta xente, coas caras tapadas, o toque de queda e a ausencia dos que xa se foron. Un silencio singular chama polo ruído dos bares, polos faladoiros nos viños, polos abrazos dos amigos. A tristeza de pensar que estamos a perder moitas cousas inmateriais, fai que cada día morramos un pouco, sen querer. Porque ninguén quere morrer de nada, salvo que nos decatemos que unha solución é unha metanoia sincera. De que? De vivir de costas á realidade transcendente que ocultamos co ruído de sempre. No libro do profeta Amós pode lermos: “Aparta de min o  ruído dos teus cánticos, pois no escoitarei sequera a música das túas arpas”. Foron tempos malos para aquel pobo que acabou na escravitude. Os nosos tempos non son peores, por iso tampouco son fáciles. 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE