O 5KM Solidarios da Coruña mantéñense pero cambian de formato para evitar aglomeracións
A inscrición nunha das citas benéficas máis populares do atletismo galego custa cinco euros
A sexta edición do 5KM Solidarios, a carreira benéfica impulsada polos voluntarios de Corporación Hijos de Rivera, trasládase da Coruña a unha contorna próxima do 28 de novembro ao 5 de decembro pola COVID-19, e quere sumar corredores de todo o mundo, segundo informan os organizadores nun comunicado.
Unha pasada edicción saíndo desde A Grela
Comeza o proceso de inscrición para o 5KM Solidarios, cuxa recadación irá destinada a apoiar a actividade da Federación Española de Bancos de Alimentos (FESBAL). Nesta ocasión, dadas as circunstancias sanitarias, desenvolverase unha edición virtual na que poderán participar corredores de calquera parte do mundo.
Esta iniciativa está apoiada polo equipo de voluntariado composto por parte do persoal das diferentes empresas que compoñen a Corporación Hijos de Rivera e que conta co Banco de Alimentos Rías Altas e FESBAL como organizadores.
LIBERDADE DE DATAS
As rúas da Coruña darán paso nesta ocasión á contorna que cada un dos participantes elixa para afrontar este reto solidario. Os corredores poderán elixir tanto o percorrido como a súa dificultade, e mesmo o día e a hora na que vai realizalo, sempre entre o 28 de novembro e o 5 de decembro.
Durante ese período deberán completar a distancia de 5 quilómetros a través da aplicación oficial previamente descargada no móbil. A aplicación permitirá xeolocalizar, rexistrar e sincronizar a todos os participantes.
Desde este mércores ábrense as inscricións a través da web www.5kmsolidarios.es. A participación está aberta a calquera persoa, sen límite de idade, e o percorrido poderase realizar tanto correndo como camiñando.
O importe da inscrición é de 5 euros por persoa, a modo de donativo, e poderá abonarse ata o 4 de decembro. Todas aquelas persoas que non poidan ou non desexen realizar o percorrido, pero si participar, poderán colaborar con doazóns "Dorsal 0" a través da web.
CITA MOI POPULAR
Na súa anterior edición na Coruña, participaron máis de 1.200 deportistas. Nesta ocasión pérdese o espírito festivo, pero refórzase o seu potencial solidario xa que moitas máis persoas poderán acceder a esta proba e colaborar coas súas doazóns coa actividade de recollida e repartición de alimentos entre os colectivos desfavorecidos aos que presta axuda FESBAL e os seus 54 Bancos de Alimentos asociados.
Escribe o teu comentario