Pubs reconvertidos a cafeterías: A Coruña permite o cambio temporal de licenza para dar un respiro ao sector
Dos vasos de chopo ás cuncas de café, aínda que sexa de forma metafórica. Esa é a transformación que deberán realizar os locais do lecer nocturno herculino para poder operar temporalmente grazas á medida impulsada polo Concello coruñés.
A hostalería, tan golpeada pola crise do coronavirus, atopa desta forma unha pequena vía de escape para que moitos negocios non teñan que botar a persiana de forma definitiva.
O Concello da Coruña permitirá temporalmente o cambio de licenza de pubs para que operen como cafeterías "ante a situación que padecen os negocios de hostalería como consecuencia da pandemia e, especialmente os dedicados ao lecer nocturno", informa.
Respecto diso, lembra que se trata dun sector que se mantén pechado desde o pasado 7 de agosto como consecuencia das restricións impostas pola Xunta de Galicia.
Neste contexto, explica que, como medida temporal, "permitiráselles a todos aqueles negocios de hostalería que están en posesión dunha licencia tipo II, un permiso que actualmenteaglutina a maioría de pubs da cidade, a realizar a mesma actividade que os establecementos encadrados na licenza de tipo I, que se refire a cafeterías, restaurantes, bares e café bares".
"Por tanto, deberán cumprir as mesmas esixencias que establece a Xunta para este tipo de negocios en canto á capacidade, horario de peche e demais restricións durante este período", explica.
Segundo a alcaldesa herculina, Inés Rey, "existen moitas familias na cidade que viven destes negocios que levan pechados meses polas restricións autonómicas e debemos facer algo para axudalos".
Sobre a decisión, o goberno local indica que "se trata dunha medida excepcional e que se manterá ata o 31 de xaneiro", data na que decidirá "se a prorroga ou se os establecementos que solicitaron o cambio volven automaticamente á súa actividade especificada na licenza de tipo II".
Escribe o teu comentario