​Saír, beber, contaxiarse, o rollo de agora

Rodrigo Brión Insua

Ai, mocidade, divino tesouro. Para todos menos para os mozos. Porque, a verdade sexa dita, estamos -25 primaveras contémplanme, permítanme que me inclúa no sector- bastante puteados. Non me malinterpreten, non estamos peor que os demais nesta crise, pero tampouco estamos como para escoitar aquilo de “Pois eu á túa idade…”. Ese sentimento de tedio, como o que recibe o mesmo sermón de forma irremediable por décimo quinta vez ao mes por algo que se escapa ao seu control, é o que senten moitos raparigos e raparigas estes días, criminalizados e sinalados como os culpables da curva ascendentes de contagios, cando aqueles que se saltan as normas son unha minoría independente de idades. As palabras de Fernando Simón esta semana tampouco axudan a acougar os ánimos. “Entendo que a xente queira ir de festa, pero hai maneiras e maneiras. Debemos concienciar á xente do que hai que facer. Hai maneiras de pasalo ben sen poñer en risco a ninguén”. Pero, sexamos sinceros, e lonxe do meu toda intención de levarlle a contraria ao Dr. Simón, seica temos algunha outra alternativa?


O certo é que a ninguén pode estrañar que moitos mozos e mozas de entre 16 e 35 anos relacionen “beber” coa palabra “diversión”. Somos unha xeración á que se nos privou do lecer colectivo máis aló de tomarnos unha copa cos amigos nunha terraza. Por poñer un exemplo que cada vez me pesa máis: non podemos ir ao cinema porque, primeiro, é moi caro, e segundo, porque non é accesible para todos. Accesible no sentido estrito da palabra, porque talvez o cinema máis próximo de moitos mozos sexa o que está na capital, a uns 20 ou 30 km de casa no mellor caso, e ás horas das proxeccións xa non hai autobuses -que tamén custan o seu diñeiro-. E digo autobuses porque tamén somos a xeración que non pode permitirse un coche propio. É máis: moitos non poden nin permitirse o carné.


E como o cinema podería dicir ir ao estadio, ou ao teatro, ou a concertos, ou pasar unha fin de semana fose…o máximo ao que aspiramos en moitos casos cando botamos unha ollada á carteira é a poder estirar eses dez eurillos engurrados o que queda de semana para poder tomarnos un par de cervexas o sábado cos amigos, mentres lamentamos que, outro mes máis, non nos tocou o Euromillones.


Temos traballos precarios, cun soldo precario que destinamos na súa totalidade para pagar pisos precarios ou estudos que, con sorte, darannos acceso ao traballo precario dos nosos soños. Esa é a nosa perspectiva vital en moitos casos porque a realidade non nos permite poñernos cotas máis altas, xa que vivimos sempre dacabalo entre crises económicas que nos cernaron as ás que se nos presupón polo noso percorrido vital.


Evidentemente cometemos erros. E a máis dun viríalle ben un severo rapapolvo para concienciarnos dunha vez por todas que isto non é un xogo, que a enfermidade non é unha broma, e que o feito de ser novo ou asintomático non che exime de ser transmisor e unha potencial bomba de reloxería que podería estalar en calquera momento e levar por diante a un puñado dos teus seres queridos, aqueles máis vulnerables coa enfermidade.



Con todo, insisto, as imaxes de macrobotellóns e festas en piscinas de clubs de Marbella representan a unha minoría. A unha acomodada minoría, se se me permite, porque non moitos poden ir ao último concerto de Taburete ou pagar a entrada dunha festa dese calibre coa que está a caer na maioría de fogares, aos que por non chegar non chega nin o Ingreso Mínimo Vital. A maioría tratamos de aguantar estoicamente o temporal, tentamos pasar o verán como boamente podemos e, se hai sorte, sen preocuparnos de se en dúas semanas empezan ou non as clases das que depende o noso futuro, lugares que, ou moito cambian as cousas, ou si poderían ser o gran foco de contaxio entre os mozos españois. E se chegado o momento iso ocorre, espero que non sexan os estudantes o branco de todas as iras. Porque anda que non haberá xente na Praza de Colón sobre a que poñer a lupa. Mentres tanto, faltos de alternativas e reescribindo ao inmortal Roube Iniesta, os zagales seguirán pensando en saír, beber, contaxiarse, o rollo de agora. 

.



Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE