Dogmas do soberanismo galego

Manoel Barbeitos
Economista

Agora que se inicia unha nova lexislatura despois de que o soberanismo galego (BNG) obtivese un moi bo resultado nas últimas eleccións autonómicas, tal que xustifica a súa aspiración para gobernar nun futuro ben faría aquel desprendéndose definitivamente dalgúns das súas dogmas que, carentes do máis mínimo rigor científico e faltos de evidencias empíricas, réstanlle moita credibilidade diante dun amplo electorado que simpatizando co soberanismo non pode aceptar este tipo de relatos. Electorado sen cuxo apoio o soberanismo galego non poderá chegar a liderar un goberno en Galicia.


Un destes dogmas, seguramente o máis utilizado e que aparece sempre a hora de tratar de explicar o por que de moitos dos problemas que afectan a Galicia, é aquel que se esconde tras a cantilena "a culpa é de Madrid". Un argumento co que tentan tapar moitas das limitacións do seu ideario soberanista. Un argumento que dá votos pero que tamén prexudica enormemente a súa estratexia política pois choca constantemente coa realidade empírica.


Recentemente tivemos varias evidencias dos custos políticos deste dogmatismo. Que, por caso, aos galegos atácanos unha pandemia (COVID.2) de orixe e dimensión descoñecidos, como lle está sucedendo practicamente a todo o planeta: a culpa é de Madrid. Por que? Porque "se o goberno español houbese no seu día pechado a capital do estado", onde se estaban producindo o maior número de contagios, a pandemia non se estendeu por toda España e, por tanto, non chegaría a Galicia. Argumento que se acompañou das consabidas críticas ao carácter centralista do goberno español reflectido neste caso na creación dun mando único. Como se pode ver estamos diante de argumentos de nulo rigor científico que, como sucede sempre, finalizan chocando coa realidade e as evidencias empíricas. Por unha banda e con relación a crítica dun mando único durante a corentena cabe subliñar que unha vez que se levantou esta (volveuse a normalidade) e as comunidades autonómicas tomaron a dirección  da loita contra a pandemia no seu territorio disparáronse os contagios conseguindo cifras récord e poñendo así en evidencia que, como subliñan os maiores expertos, a descentralización da xestión da pandemia dificultou enormemente unha resposta unitaria (velaí o lamentable espectáculo competitivo na compra de materiais como luvas,  máscaras,  respiradores...). En relación a que se se pechou Madrid teríase evitando a propagación dos contagios simplemente dicir  que esa tese, como demostran as evidencias, pola súa frivolidade non merece que se lle preste atención. Non estamos na Idade Media cando a gran peste negra.


Lamentablemente esta liña argumental parece minimizar a decisiva relevancia que na expansión da pandemia en Galicia ten o feito de que a actual Xunta de Galicia (PP) estea a desmantelar os servizos e as infraestruturas da sanidade pública e da atención aos maiores, con reducións moi importantes de profesionais, servizos e materiais. Todo  iso cando as evidencias, por caso europeas, mostran como os estados con maior desenrolo dos servizos de benestar, que ademais utilizaron un mando único central (como, por caso, Alemaña) son os que están a mostrar unha maior capacidade de resposta fronte pandemia como así confirman as súas baixas taxas de mortalidade.


Esta auténtica obsesión por focalizar en Madrid a orixe da maioría dos problemas que afectan a Galicia leva a que, se por caso, a dirección de ALCOA, a pesar dos excelentes resultados obtidos na Bolsa, decide pechar a factoría, ou cando menos unha sección da mesma, a culpa sexa de novo de Madrid. Por  que? Porque "Madrid está a roubarnos a electricidade que debería servir para reducir os custos enerxéticos e así facer rendible esta factoría". Que ALCOA sexa unha multinacional máis interesada nas ganancias financeiras que na produción e que os fondos voitre estean a especular con cómpraa/venda da factoría lucense? Ese non é o problema.


Se todos os males que afectan a Galicia teñen a súa causa e orixe en Madrid tamén resulta lóxico pensar que a maioría das decisións que se toman alá son prexudiciais para Galicia. Así, por caso, se o goberno español, xunto con outros do sur de Europa logra, logo dunha moi dura batalla política cos estados europeos do norte, un acordo que moitos consideran histórico (NGE) dado que supón o maior gasto público aprobado pola UEM na súa historia e no que España e Italia aparecen como os estados europeos que máis se beneficiarán do mesmo. Para os profetas deste tipo de soberanismo tal acordo castiga a Galicia xa que, contra toda evidencia, a periferia queda derrotada no cume europeo quen prepara o camiño a novos recortes sociais na Galicia (sic).


En este  dogmático discurso mesmo se acode a argumentos  provincianos dunha enorme pobreza intelectual. Así, para este sector do soberanismo, Madrid aparece hoxe como unha copia daquela antiga Roma que nos describía  Livio na que todo se podía comprar e vender (votos, cargos, eleccións, sentenzas....), onde a corrupción e a fraude reinaban a pracer. Este sector do soberanismo esquece que Madrid é, neste momento, unha vila de grandes contrastes (por caso, ser quen de ter a alguén como Díaz  Ayuso de presidenta da Comunidade Autónoma pero tamén a Manuela  Carmena de alcaldesa da vila). Que se é o domicilio fiscal da oligarquía financeira e inmobiliaria, dos grandes monopolios tamén é a residencia de moitos/as traballadores/as que o están pasando moi mal xa que Madrid non escapa a loita de clases: 12,6% de taxa de paro e un 15% da súa poboación en risco de pobreza (datos anteriores á explosión da pandemia). Por outra banda rechina este espírito crítico en relación a Madrid fronte ao clamoroso silencio sobre determinadas prácticas, tamén corruptas (Cataluña) cando non terroristas (País Vasco), de organizacións soberanistas periféricas.


Un dogma soberanista que, con todo, vale para todas as situacións e conxunturas. Que A. Núñez Feijóo á fronte do Partido Popular (PP) repite, por cuarta vez, unha vitoria por maioría absoluta? La culpa é de Madrid. Por  que? Porque os partidos españolistas (PSOE, UP) non defenden os intereses de Galicia se non os de Madrid e impiden unha maior vitoria das forzas soberanistas que quedan soas fronte as forzas españolistas e... fronte ao mundo.


Non debería estrañar que as dereitas galegas (PP) apropiásense de este  dogma para así desviar as súas responsabilidades na gobernación. Neste marco podemos chegar a observar en Galicia o inédito espectáculo dunhas dereitas tentando mostrarse máis soberanistas que as propias esquerdas. Unha posición que, iso si, permítelles renovar as maiorías absolutas a pesar de non facer nada polo país.


Volvendo ao principio, o soberanismo galego parlamentario (BNG) se realmente quere chegar a liderar un goberno de cambio en Galicia ha de actualizar moitas das súas teses soberanistas.


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE