A Xustiza tomba o recurso dos hostaleiros coruñeses contra a obrigación de pechar ás 12:30
O presidente da patronal local quéixase de que os empresarios van cara á ruína, pois o rebrote acabou cos poucos turistas e disparou o medo entre a poboación
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) rexeitou suspender as restricións á hostalería impostas pola Xunta o pasado venres pola "indubidable preponderancia" da saúde pública fronte aos intereses destes empresarios.
Feijóo e o presidente dos hostaleiros coruñeses nunha imaxe de arquivo
QUEREN ABRIR MÁIS ALÓ DAS DOCE E MEDIA
Os hostaleiros pedían a suspensión cautelar da orde de peche ás 00.30 horas dos locais. Con todo, o TSXG defende que das medidas do Goberno galego "subxace o interese en evitar a aglomeración de persoas, de procurar que se respecten as medidas de distanciamento, e, en definitiva, de protexer a saúde pública".
O auto da Sala do contencioso-administrativo sostén que entende a vontade do sector para "evitar prexuízos económicos", pero conclúe que "a natureza dos intereses en conflito, e a indubidable preponderancia do interese xeral na protección da saúde pública, impiden adoptar a medida interesada".
INFORMES SANITARIOS DAN A RAZÓN Á XUNTA
Os maxistrados destacan que as restricións están "avaladas" por informes de autoridades sanitarias e advirten de que a evolución no número de contagios na comarca é "preocupante". Son os mozos, din, aos que afecta "de forma predominante" o virus e son estes, engaden, "os que frecuentan en maior medida discotecas e demais locais de lecer nocturno".
A Sala do contencioso-administrativo acordou tamén, segundo informa o TSXG, que o recurso continúe a tramitación como unha peza ordinaria de medidas cautelares e así dar traslado da mesma á administración autonómica para permitir "a posibilidade de facer alegacións".
LOITAR "POLA SUPERVIVENCIA"
O presidente de Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería da Coruña, Héctor Cañete, enmarcou o recurso na loita pola "supervivencia do sector" e advirte da situación na que se atopan moitos establecementos.
"Hai moita xente que está cos locais de lecer nocturno pechados ou que non abren porque non compensa e non poden solicitar Ertes", lamenta o representante da hostalería na provincia, que lembra que o recurso seguirá igualmente o seu curso.
NIN TURISTAS NIN LOCAIS
Sobre a prohibición de fumar se non hai distancia de seguridade, o presidente dos hostaleiros coruñeses defende que esta medida rexe "en todas partes" e non só nos locais que representa. "Somos afectados, pero tampouco é un problema da hostalería", engade.
"O problema grave é o sanitario, o virus, e isto só supón que chove máis sobre mollado", defende Cañete, que apostila que esta nova medida "non axuda" porque se une ás restricións en toda a comarca coruñesa desde o pasado venres.
O representante do sector explica que os locais xa están "moi mal". "Están medio baleiros porque hai medo, a xente queda en casa, e a nivel turístico non vén ninguén polo brote", describe, polo que considera que esta medida podería ser "máis dura" se se dese noutro momento.
Escribe o teu comentario