A pandemia... do "doutor" Feijóo

Xosé María Dios Diz
Médico especialista de Atención Primaria de Outes.

Médico especialista de Atención Primaria de Outes. Plataforma SOS Sanidade Pública.

“Os enfermos morrían separados dos seus familiares e estaban prohibidos os rituais velorios; os que morrían pola tarde, pasaban a noite sós e os que morrían pola mañá, eran enterrados sen perda de tempo”.                                  

Albert Camus: A Peste: 1949.

            


Pasou o peor. Ou non… A pandemia da enfermidade COVID-19 por afectación do Coronavirus SARS- CoV-2, foi tremenda. O número de mortos no estado español, a 31/05/2020, era de 27.121 persoas. En Galicia, era de 616;  os mortos nas Residencias de Maiores no estado, son 16.321 e en Galicia 299 (case o 50% dos que morreron fixérono nas Residencias de Maiores). Os datos, non son definitivos... esperemos que no outono non rebrote este episodio de pesadelo colectivo.

            

En Galicia a pandemia tivo “menos incidencia” de contagios e mortalidade que no resto do estado. Influíron diversos factores: a dispersión da poboación, a menor utilización do transporte público, o baixo nivel de contaminación, a menor chegada de persoas procedentes doutros lugares, a calor, etc. As propias condicións do país, foron as que frearon a diseminación do virus. A nefasta xestión da Xunta tivo moito que ver coa afectación tan severa e a elevada mortalidade en dous ámbitos moi determinados: as Residencias de Maiores e os Servizos Sanitarios.

            

Nas Residencias de Maiores, explícase pola privatización e a cesión, por parte de Núñez Feijóo e o PP, a multinacionais, a fondos de investimento e a grupos da igrexa. A precariedade da atención, a acumulación dos residentes e a carencia de persoal, é a tónica. DomusVi, principal grupo en Galicia, e a Fundación San Rosendo, teñen moita responsabilidade: nesta última, o cura Benigno Moure, en 2008 presidente e impulsor do grupo, foi condeado a 5 anos de cárcere por apropiación indebida a unha anciá con Alzheimer (Fraga concedeulle a Medalla Castelao... e aínda non se lle retirou). Pero as residencias privadas están tamén en mans de Florentino Pérez, Demetrio Carceller, SANITAS, EULEN, SANTA LUCIA, CASER, ACS, SACYR, etc... é dicir: construtoras, aseguradoras...e a Igrexa.

            

Nos Servizos Sanitarios, aos profesionais non se nos fixo a proba do coronavirus, ata o 25 de maio!  Si, ao Sr. Feijóo non lle importa saber como están os seus traballadores e traballadoras, pero si lle importa facer “o maior estudo epidemiolóxico da historia de Galicia” para ensalzamiento do “amado líder”. Sabemos que con 1.000 entrevistas (máis ou menos) é representativo de como está a situación... pois ben, o Sr. Feijóo vai facer 100.000. Con diñeiro público claro, e que sobrecarga para os profesionais: a el iso non lle importa! A día 1 de xuño, temos feitas 51.000 probas e segue o despropósito (en contra das organizacións de AP) coa realización doutras 50.000 probas máis. Resultado: o 1,3% deron POSITIVO. Fai falta facer 100.000 test? Gastar diñeiro público cando con 1.000 entrevistas teriamos o mesmo resultado? Por que se sobrecarga ao persoal de enfermería, dos Centros de Saúde, para algo que xa todos coñecemos? É o Sr. Feijóo un irresponsable ao someter aos sanitarios a un traballo inútil? Sabe o “Doutor” Feijóo o que fai? A afectación de profesionais da saúde no estado, é de 51.482; en Galicia: 1.403. O peor: 63 mortes.

           

Outra faceta do “Doutor” Feijóo é “adiantarse” a Sánchez, nas medidas da desescalada. Un lince... claro, despois de escoitar aos presidentes das CCAA e ao propio Sánchez, para facer que fai e non facer máis que enredar e confundir ás galegas e galegos!

            

A enfermidade atopounos moi mal preparados, debido aos recortes do “Doutor” Feijóo: en persoal, infraestruturas e no propio coñecemento deste tipo de coronavirus. Non investir en Sanidade e  si facelo, con orzamentos multimillonarios, en gastos militares, por exemplo, leva a que a sociedade estea pouco e mal atendida. De nós depende cambiar esta dinámica. Que os gastos en Sanidade, en Servizos Sociais, en Residencias de Maiores e de Discapacitados, sexa prioritario. Nas próximas eleccións, temos a oportunidade de cambiar esta dinámica. O futuro dos nosos fillos e fillas está en xogo! 


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE