Por que en Galicia as dereitas teñen moitas posibilidades de volver gañar

Manoel Barbeitos
Economista

Acerca dos resultados que avanzan a maioría das enquisas e que apuntan a unha nova maioría absoluta do Partido Popular (PP) nas eleccións autonómicas do 12 de xullo pode resultar de interese volver a vista atrás e, por caso, poñer o foco en varios aspectos subrayables das tres últimas convocatorias electorais (2009, 2012 e 2016) que outorgaron maiorías absolutas ao Partido Popular (PP).


Un primeiro dato destacable é o de que o Partido Popular (PP), recorrente gañador nestas tres contendas electorais, moveuse entre o 45,8% (2012) e o 47,6% (2016) dos votos que en termos absolutos supuxo estar sempre por encima dos 650.000 sufraxios, chegando a rozar os 800.000 (2009). Evidencias empíricas que confirman unha indiscutible fidelidade no voto tal que lle permitiu consolidar a súa clara hexemonía política en Galicia. Unha fidelidade no voto que se produce cando o Partido Popular (PP) presenta o mesmo candidato en todas e cada unha destas convocatorias (A. Núñez Feijóo) o que, sen xénero de dúbidas, confirma a este político como o líder das dereitas galegas. O seu César. Evidencias que tamén outorgan ao Partido Popular (PP) en Galicia, a diferenza do que sucede no Estado, unha imaxe pública de solidez e estabilidade que, con total seguridade, é tanto o seu principal activo como unha garantía para tales resultados electorais.


Por contra, na beirarrúa de en fronte onde se sitúan as esquerdas a fotografía é moi, moi diferente. En primeiro lugar o escenario plural que as define nunca tivo, a pesar diso, os mesmos actores, nin sequera o mesmo guion. Se en todas as convocatorias estiveron presente tanto o PSdeG-PSOE como o BNG non sucedeu o mesmo coa autodenominada esquerda rupturista que se presentou en cada convocatoria electoral cunha marca diferente: Alternativa Galega de Esquerdas, En Marea, Galicia en Común. Que este espazo electoral, quen con 14 escanos chegou a liderar a oposición nalgún momento (En Marea, 2016), non finalice de consolidar unha representación estable condiciona, sen dúbidas, o resultado de tal  espazo e do global das esquerdas facilitando así o triunfo ás dereitas galegas.


Ao mesmo tempo mentres estas últimas, aglutinadas en torno ao Partido Popular (PP), presentaron en todas e cada unha das citadas convocatorias ao mesmo candidato (A. Núñez Feijóo), que repite de novo agora, as esquerdas presentaron catro posibles candidatos a presidencia da Xunta de Galicia (Emilio Touriño en 2009, Pachi Vázquez en 2012, Luís Villares en 2016 e agora Gonzalo Caballero este 2020): un diferente en cada convocatoria. Unha fluidez nos liderados e portavocías que deriva dos cambios habidos nas cabeceiras de listas de todos e cada un dos partidos das esquerdas. Así PSdeG-PSOE, BNG, AGE/EN MAREA/GALICIA EN COMÚN, presentaron en cada convocatoria (2009, 2012, 2016) e agora no 2020 un portavoz diferente (só o BNG repite, e por primeira vez, nesta convocatoria con Ana Pontón). É preciso resaltar o caso do PSdeG-PSOE, partido con maiores posibilidades de acceder a presidencia da Xunta, que en cada convocatoria presentou un cabeza de lista diferente (2009: Touriño, 2012: Vázquez, 2016: Leiceaga, 2020: Caballero). Seguramente que en España non haxa moitos casos semellantes.


Poida que esta pequena fotografía en perspectiva da realidade partidaria nas catro últimas convocatorias electorais en Galicia axude a entender mellor por que o Partido Popular (PP) vén repetindo vitorias abafadoras. Porque, unha vez máis, este partido ten moitas posibilidades de volver gañar, e de novo con maioría absoluta, o próximo 12 de xullo. Vitorias ás que contribúen tanto méritos políticos propios, tal que os citados, como  a conxénita incapacidade das esquerdas galegas para consolidar alternativas e candidatos estables. Incapacidade debida moi especialmente á súa endémico afán cainita.  A, como dicía  Bertolt  Brecht, ese instinto das esquerdas que lle leva a "arrincar a derrota das fauces da vitoria".


Sen comentarios

Escribe o teu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Máis opinión
Opinadores

Galiciapress
Praza da Quintana, 3; 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS OS DEREITOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidade - Configuración de cookies - Consello editorial - Publicidade
Powered by Bigpress
CLABE