Terminan as ligas de fútbol en Galicia e os efectos dos cambios durarán varias tempadas
A Real Federación Galega de Fútbol anunciou este mércores o fin de todas as competicións de fútbol e o resultado final dos campionatos será o establecido o día 14 de marzo, momento no que se detivo o fútbol.
A Real Federación Galega de Fútbol anunciou este mércores o fin de todas as competicións de fútbol e o resultado final dos campionatos será o establecido o día 14 de marzo, momento no que se detivo o fútbol.
O organismo, presidido por Louzao, anunciou ademais que se celebrarán ascensos pero non por playoff como ata o de agora, senón que se atenderá á clasificación que marca a táboa, de modo que os ascensos son para os equipos en posición de ascenso directo.
Doutra banda, como novidade, non haberá descensos, salvo no caso de que algún equipo xa consumase a perda de categoría de maneira matemática (caso do Molgas). Ademais, no caso de que algúns equipos teñan máis partidos que outros nunha mesma liga, aplicarase un coeficiente por puntos. No caso das promocións dentro dun mesmo grupo imperará o dereito deportivo. No referido ás promocións cruzas, primeiro primará o dereito deportivo, despois o xogo limpo e logo por sorteo.
ASCENSOS A TERCEIRA E A SITUACIÓN DO BOIRO
Os primeiros en celebrar esta decisión foron Viveiro, Fisterra, Ribadumia e Atios, os equipos que ascenden a Terceira División. Con todo, e a expensas do que determine a RFEF, haberá un ascenso a Segunda B dun equipo galego, o que deixará unha vacante que, seguindo o criterio da RFGF, pertence ao CD Boiro, terceiro clasificado do Grupo Norte da Preferente galega, aínda que o Areas tamén podería optar a esa praza.
En caso de ascenso do Boiro, produciríase un “efecto fervenza” nas categorías inmediatamente inferiores, con ascensos do Soneira a Preferente, Vexa a Primeira Galega e Atl. Oleiros a Segunda Galega.
Louzan tamén advirte que a próxima tempada haberá “subgrupos” en todas as categorías do futbol galego. “A previsión é que a próxima tempada –que aínda non ten data de inicio, algo que depende da RFEF sexa máis reducida en número de partidos, así que nos veremos obrigados a facer subgrupos”, explicou. Isto significaría que a Terceira galega tería dous subgrupos: norte e sur, presumiblemente, aínda que isto aínda está por ver. Os cambios durarán, como mínimo, unhas tres tempadas ata que se restableza a normalidade deportiva.
A decisión de terminar as ligas afecta non só ás categorías absolutas, senón tamén ao fútbol feminino, o fútbol gaélico (xogarase unha final polo título), o fútbol sala e todas as categorías do fútbol basee ou de fútbol veterano. Doutra banda, as decisións sobre que equipos participarán na próxima Copa do Rey quedan aprazadas ata setembro. Os clubs poden consultar a resolución e queda aberto o prazo para alegacións durante dez días.
Escribe o teu comentario